10 de Outubro de 2024

,

Santo Tomás de Villanueva
10 de Outubro de 2024

,

Santo Tomás de Villanueva

Cheiro a ovella

Cheiro a ovella

Como cidadanía que somos, pouco a pouco imos tomando conciencia de que non é a pasividade e si a acción, a tarefa principal que debe ocuparnos ao longo da nosa vida.

Actividade que se vai diversificando segundo as capacidades e aptitudes, sempre diferentes, que as persoas temos. O que nos converte en activistas construtoras de humanidade fraterna.

Nela nada nos é  estraño e a ninguén vemos coma indiferente.

Chámasenos a romper a dinámica de caer na aparencia do querer quedar ben, de que nos vexan desde o mellor dos noso perfís, de que nos recoñeza e se nos aplauda, como se fósemos imprescindibles.

Pero a realidade, a dos pés da terra, é moi outra. Porque se abrimos ben os  ollos imos descubrindo o dura é inhóspita que ela é.

Cada vez son máis as persoas que van caendo no camiño: as esquecidas e ignoradas, e ás que ninguén lles presta atención. Converténdose nas vítimas ás que tanto dano se lles fai e nunca tiveron oportunidade de mostrar as súas capacidades, o que elas poden aportar.

Ben porque ninguén llelas deu, ben porque as portas nas que chamaron non se lle abriron.

A equidade está moi lonxe deste noso mundo que, as veces, para autoenganarnos, dicimos que nos fai felices!

Fronte a esta realidade que non podemos obviar, xurde unha mirada diferente; un xeito distinto que quere ser contrapunto, inda que non sexa maioritario, de que se poden facer as cousas doutra maneira.

 Pensando nas persoas, indo moito máis a modo, poñendo o acento nas cousas sinxelas e pequenas, coidando, e valorando, o mundo como fogar onde poidamos caber todas e todos e sen facer exclusións.

Parándonos e acompañándonos desde un sinxelo, ¿qué tal estas?  Aquí me tes para o que queiras, bótoche/me unha man ou tomamos un café.

Mesmo un imos buscar xente para que entre todas e todos poidamos facer isto que tan importante é comunitariamente.

Preguntas e invitacións que nos lembran sempre que o importante son/mos as persoas e non o poder, a fama, os cartos ou o recoñecemento social.

Se queremos ir construíndo este camiño, deberiamos poñer a mirada no estilo e nas palabras de Xesús. Nel atopamos ese xeito distinto, esa maneira diferente de facer as cousas.

Sen buscar protagonismo pero poñendo sempre a mirada nos demais, desde o respecto, a escoita, o diálogo, non a imposición;  e sempre véndonos como iguais e non como inimigos.

Ao seu estilo. O evanxelista Xoán descríbeo moi ben na parábola do Bo Pastor.

Aquel que non escapa cando ven o lobo, que está no medio do seu rabaño, preocupándose, atendéndoo, termándoo e o deféndoo de calquera intento de agresión.

Sabendo que  as parábolas son contos, exemplos, formas e xeitos sinxelos de contar e mostrar unha mensaxe. Tamén con esta se nos quere dicir que: só compartindo a mesma vida, o que nos fai sufrir e o que nos aleda, o que nos ilusiona e o que entristece.

Só así, estaremos tomando en serio a afirmación, tantas veces repetida, de que as persoas, a súa dignidade  e o respecto que sempre nos merecen, son o máis importante para nós.

Non nos quedemos na literalidade das palabras, avancemos máis, moito máis para  buscar entrar no seu sentido profundo: o cheiro a ovella non se reduce a unha cuestión de hixiene, senón que urxe a un compromiso serio, responsable, esixente, e moitas veces quedándonos ao pairo, polas persoas.

Si, elas que sofren, rin, alédanse, entristécense, acertan ou erran. Tódalas persoas sen exclusións.

Sobre esta cuestión nos ten falado moitas veces o Papa Francisco ao referirse a como han ser as actitudes, os comportamentos, as opcións que movan e fagan visible o servizo ministerial de curas, bispos, relixiosos/sas cada día e no medio da xente.

O servizo do compromiso non é unha cuestión superficial ou aparente, ao contrario: imbúenos e énchenos en totalidade.

¿Que sería dun sacerdocio sen presenza?

¿Que sería un servizo episcopal pechado no recuncho do institucional e desconectado do que senten e gozan, o que as aleda ou entristece ás persoas, sexan ou non crentes.?

A dignidade non é cuestión de credo, traémola ao mundo ao nacer.

Convertamos logo o cheiro en recuncho de cercanía, ilusión, presenza igualitaria, diálogo compartido, opinión respectada, esperanza alentada e igualdade agradecida.

Porque só sendo conscientes de cal é a nosa identidade de filiación fraterna, entenderemos que o servizo non se pode facer nin a distancia nin a través da tecnoloxía, senón no sorriso compartido, o agradecemento acollido e a entrega acompañada da sinceridade da mirada que non exclúe nin controla, non golpea nin fire, e si sabe tender a man.

Que o noso cheiro a ovella faga posible un mundo mellor, máis xusto, igualitario e fraterno. Ao estilo, sempre, de Xesús!

Clodomiro Ogando.

Instituto Teolóxico de Vigo.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp