9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

Cinco parroquias do arciprestado Tea-Condado peregrinan a Tui

Cinco parroquias do arciprestado Tea-Condado peregrinan a Tui
FOTO.- Peregrinos de las parroquias de Arnoso, Cristiñade, Guláns, Moreira y Nogueira tras la eucaristía en la catedral de Tui.

Ao redor de sesenta persoas das parroquias de San Lourenzo de Arnoso, San Salvador de Cristiñade, San Xulián de Guláns, San Martiño de Moreira e San Salvador de Nogueira peregrinaron este domingo, 26 de xullo, ata a catedral de Santa María de Tui para celebrar o Ano Xubilar convocado con motivo do 800 aniversario da dedicación do templo. Acompañados polo seu párroco, Gonzalo Otero, os peregrinos iniciaron a marcha ás 6.00 horas desde a igrexa de Guláns e percorreron a pé o camiño ata a cidade episcopal.

Á súa chegada, uníronse a outros fregueses que acudiron polos seus propios medios para participar na eucaristía dominical, celebrada na catedral e amenizada polo coro parroquial. A xornada concluíu cunha comida de confraternización. Para o párroco, a peregrinación foi «unha fermosa mañá de domingo compartindo andaina, conversación e convivencia. Hoxe podemos dicir que camiñar crea comunidade».

Desde o inicio do Ano Xubilar, son numerosos os grupos de parroquias, movementos e asociacións eclesiais que peregrinaron ata a catedral para celebrar este VIII centenario. O templo tamén acolleu durante estes meses encontros diocesanos e nacionais, como a festa do Clero de Galicia ou as Xornadas Nacionais de Patrimonio Cultural de la Iglesia, poñendo de manifesto a súa condición de corazón espiritual da diocese.

O Ano Xubilar conmemora os oitocentos anos da dedicación da catedral de Santa María de Tui. Foi o 1 de decembro de 1225 cando o bispo Esteban Egea consagrou o templo como sede episcopal. Oito séculos despois, esta efeméride convida a redescubrir a catedral non só como un edificio de extraordinario valor histórico e artístico, senón tamén como a igrexa nai da diocese, signo de comuñón co bispo e con toda a Igrexa.