15 de Abril de 2026,
San Damián de Molokai

Cincuenta novos confrades para o Cristo da Vitoria

Cincuenta novos confrades para o Cristo da Vitoria
FOTO.- Los nuevos cofrades junto a miembros de la directiva de la Cofradía | © Cofradía del Cristo de la Victoria

O 26 de xullo, ás 20.00 horas, a concatedral-basílica de Santa María en Vigo acolleu a cerimonia de imposición de medallas de cincuenta novos confrades para a confraría do Cristo da Vitoria. Con esta celebración, iniciaban os actos en honra ao Cristo de Vigo. Nesta ocasión, o bispo emérito de Tui-Vigo, monseñor Luís Quinteiro, foi designado predicador da novena que se rezará todos os días, ata o vindeiro sábado 2 de agosto.

Durante a novena, cada día, a misa das 12.00 horas, será oficiada por un párroco diferente da zona centro da cidade. Pola tarde, as celebracións comezarán ás 19.30 horas e será o bispo emérito quen predique a novena ás 20.00 horas.

Ademais, durante os días da novena, unha coral diferente de Acopovi será a encargada de harmonizar as celebracións da tarde. O domingo 3 de agosto, ás 11.00 horas, a coral Casabranca cantará a misa solemne que presidirá o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.

A concesión do título de confrade de honra terá lugar o venres 1 de agosto e será outorgado a Manuel Sanjurjo Blein pola súa especial devoción ao Santísimo Cristo.