A cidade de Vigo conmemorará o próximo 30 de outubro o Cincuentenario da creación, ao mesmo tempo, de 14 novas parroquias na cidade. Foi no seu momento un fito histórico que reflectiu e saíu ao paso do cambio que en moitos aspectos estaba a experimentar entón a nosa cidade. Vigo estirábase por Coia, por Teis, por Praza de España e o recentemente chegado bispo, Mons. Delicado Baeza, decidiu remodelar tamén, mediante a proximidade aos fieis, o mapa pastoral da cidade. Así naceron as 14 parroquias agora en xubileu: San Juan de Ávila, Santo Cura de Ars, Sampaio de Lavadores, Santa Teresa de Jesús, Santa Lucía, A nosa Señora da Soledad, A nosa Señora do Rocío, San Pablo, o Carmen, o Perpetuo Socorro, María Auxiliadora, San Francisco Javier, Nai do Bo Pastor e Corazón de María. Aquel importante feito pastoral e social forma parte xa da historia recente desta cidade. A creación de novas parroquias trouxo consigo a necesidade de levantar novos templos e complexos parroquiais, algúns dos cales supuxeron unha importante achega ás necesidades cultuales do Vaticano II e á arquitectura contemporánea.
A charla -proxección-coloquio coa Arquitecta Marta Vilas Rodríguez autora da brillante tese doutoral “Arquitectura parroquial e desenvolvemento urbano Vigo século XX” servirá para descubrir a historia e a arte encerrados nas igrexas que celebran o seu cincuentenario e outras máis significativas de recente construción na cidade, así como para revitalizar a memoria dalgúns grandes arquitectos que a sementaron coas súas obras : Joaquín Saldaña, Antonio Palacios, Antonio Cominges, Xosé Bar Boo, Román Conde, Fernando Araújo, Francisco Yáñez, Tomás Pérez-Lorente ou Desiderio Pernas… O evento terá lugar no museo MACRO de rúa Príncipe, mañá, mércores 14 de outubro, ás oito da tarde. As persoas interesadas en asistir deben ter en conta que o aforo estará limitado.