O luns 24 de novembro, ás 11:00 horas, na capela das Reliquias do templo catedralicio, a diocese de Tui-Vigo e o Concello de Tui presentaron a programación para celebrar o VIII centenario da dedicación da catedral tudense. Este domingo, 30 de novembro, ás 12.00 horas, inaugurarase o Ano Xubilar cunha eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, e concelebrada polo bispo diocesano, monseñor Antonio Valín, o emérito tudense, o metropolitano de Braga, os prelados da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela e sacerdotes diocesanos.
Terminada a celebración, que será retransmitida pola canle de Youtube da diocese de Tui-Vigo, interpretarase a peza musical «Os fogos de San Telmo», de Hermelindo Ruiz Mestre, un diálogo entre a catedral e o fresco histórico de Santo Telmo na illa de Porto Rico. Sara Areal, violín, e Samuel Diz, guitarra, liderarán unha formación de cámara baixo a batuta do mestre portorriqueño Roselyn Pabón.
A presentación da programación contou coa presenza de José Diéguez Dieppa, deán da catedral de Tui; Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui; Elvira Larriba Leira, subdelegada de Patrimonio da diocese de Tui-Vigo; Samuel Diz Sierpes, músico tudense e director do proxecto «Música no Claustro»; Enrique Cabaleiro González, alcalde de Tui; e monseñor Antonio Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo.

Apertura do altar das Reliquias
O deán da catedral, José Diéguez Dieppa, anunciou a apertura do altar das Reliquias para a súa ostensión extraordinaria —veneración das reliquias—, durante o domingo 30 de novembro e o luns 1 de decembro. Cabe lembrar que o altar das Reliquias só se abre durante a festividade do beato Pedro González Telmo, patrón da diocese de Tui-Vigo, da cidade tudense e dos mariñeiros.
Ao día seguinte da inauguración do Ano Xubilar, 1 de decembro, día propio da dedicación da catedral de Tui, a diocese de Tui-Vigo organiza unha xornada sacerdotal. Ás 11.00 horas, dará comezo a xornada coa conferencia do doutor en Teoloxía, Ramón Navarro, director do Secretariado da Comisión Episcopal de Liturxia, titulada «Este edificio fai albiscar o misterio da Igrexa». Ás 12.30 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía na catedral.
Seguindo as recomendacións do decreto da Penal Apostólica da Santa Sede que concede o Xubileu particular á diocese tudense, José Diéguez lembrou a importancia de fomentar a devoción á virxe María durante o Ano Xubilar. Para iso, está programada para a segunda quincena do mes de xuño unha peregrinación e ostensión da imaxe da Nosa Señora da Franqueira no templo catedralicio.


Un referente do patrimonio cultural e espiritual da diocese
Un dos obxectivos da diocese de Tui-Vigo durante este VIII centenario consiste en converter a catedral de Tui nun referente do patrimonio cultural e espiritual da diocese de Tui-Vigo. Así, cobra especial relevancia a configuración e inauguración de «TUDE. Museo Catedralicio Diocesano», prevista para os últimos meses do ano 2026.
Tal e como expresou Elvira Larriba, subdelegada de Patrimonio da diocese, «TUDE» reunirá a colección do museo diocesano e do museo catedralicio nun só percorrido para mellorar a compresión do conxunto catedralicio e mellorar a experiencia dos visitantes. O museo contará coa apertura de novo espazos, o principal, a entrada desde a praza de San Fernando que permitirá a integración coa contorna. O maior número de pezas expoñeranse nas salas do palacio episcopal que se están rehabilitando.
Paralelamente ao traballo que se realiza co museo, a diocese de Tui-Vigo, en colaboración coa de Braga, a de Viana do Castelo e a de Santiago de Compostela, está a traballar na exposición itinerante «Tui·Valença. De Braga a Compostela», que poñerá de manifesto a unidade espiritual e histórica entre Galicia e o Norte de Portugal. O proxecto inaugurarase en outubro de 2026 e prolongarase ao longo do 2027, coincidindo co Ano Xacobeo.
Ao longo do próximo ano, están previstas outras accións como o deseño e colocación dunha vidreira conmemorativa do 800 aniversario da catedral —situado encima do retablo da Expectación—; a celebración, na diocese de Tui-Vigo, das XLIV xornadas nacionais de Patrimonio da Conferencia Episcopal Española; ou a realización dun taller de fotografía titulado «Tres olladas á Catedral de Tui: Arquitectura, Emoción e Narración» e impartido polo artista plástico Iago Eireos.

Unha catedral, nai e fogar para toda a comunidade diocesana
O VIII centenario da catedral de Tui é unha oportunidade para «profundar no noso ser Igrexa; para crecer como Igrexa-comunidade de crentes; para recoller a testemuña de tantos homes e mulleres que nestas terras viviron, creron, amaron e comprometéronse ao estilo de Xesús de Nazaret», expresou o prelado tudense, monseñor Antonio Valín. Neste sentido, o bispo lembrou que a catedral é «o fogar —casa familiar—, para todos os diocesanos e diocesanas, lugar de encontro con Deus e coa familia de crentes, lugar de historia que nos configura e da que temos que facer memoria agradecida».
Tras agradecer a colaboración de todas as institucións públicas, especialmente do Concello de Tui, o prelado animou a toda a comunidade diocesana a participar na inauguración do Ano Xubilar con motivo do VIII centenario da catedral. Aquelas persoas que non poidan asistir presencialmente poderán unirse en directo a través da canle de Youtube da diocese de Tui-Vigo.


Programación conxunta do concello e a diocese
Pola súa banda, o Concello de Tui deu a coñecer a programación de actos prevista para o mes de decembro que, nalgúns casos, organízase de maneira conxunta coa diocese de Tui-Vigo. Cada mes, a institución publicará un díptico coas accións previstas.
Durante a súa intervención, o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, destacou que «a catedral é a alma e o corazón da cidade e unha das grandes iconas espirituais e patrimoniais de Tui, de Galicia e deste territorio trasfronteirizo». Así, Cabaleiro mostrou o seu convencemento de que «esta celebración vai converter a Tui nunha das grandes capitais culturais» e reafirmou o compromiso da institución municipal co conxunto catedralicio para que «siga sendo unha dos nosos acenos de identidade».
No que respecta ao traballo conxunto entre ambas as institucións, Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, explicou que, coas actividades previstas, espera «ser o epicentro da cultura en Galicia», porque «a nosa catedral é o faro da cultura do municipio, da provincia e de toda a autonomía». Ademais, detallou a programación que se vai a desenvolver este domingo e durante o mes de decembro —podes consultar a programación do próximo mes nesta ligazón—.

