O Instituto Teolóxico San José de Vigo, xunto coa Vigairía para o Clero, ofrece unha formación integral destina aos sacerdotes —máis coñecida como formación permanente para o ministerio sacerdotal— a través dun modelo de ensinanza teolóxico-pastoral e sistemático que inclúe materias de fondo, cursos monográficos e charlas-coloquio ao longo de todo o ano académico.
Neste curso 2021-2022, será o profesor e reitor do Seminario Menor, Antonio Menduiña Santomé o encargado de iniciar as sete primeiras sesións formativas sobre o libro dos Salmos. A continuación, o novo director do Instituto Teolóxico, Guillermo Juan Morado impartirá catro clases de “Teoloxía e sensibilidade” e outras catro de “Cristoloxía”, durante o segundo cuadrimestre.
Desde outubro e ata marzo, os asistentes aos cursos monográficos poderán profundar nalgunhas experiencias pastorais como Pedras Vivas; en temas de liturxia e música; ou en temas de actual calado social como a “Lectura teolóxica das novas leis: Eutanasia, LGTBI”, entre outros.
Desde a secretaría do Instituto Teolóxico lembran que todas as sesións son de entrada libre polo que é posible asistir en todos os cursos, nos monográficos ou nas charlas segundo o interese persoal. A inscrición para o curso completo deberá realizarse antes do 1 de outubro a través da web do Instituto Teolóxico.