17 de Marzo de 2026,
San Patricio

Comeza o festival «Música no claustro» na catedral de Tui

Comeza o festival «Música no claustro» na catedral de Tui
FOTO.- De esq. a drt.: Daniel Goberna, prefecto de música da Catedral de Tui; Samuel Diz, director de Música no Claustro; Alfredo Fernández Ríos, director da Axencia Galega da Industria Forestal; Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia; Enrique Cabaleiro, alcalde do Concello de Tui; Raquel Areal, violinista; Susana Cabo, propietaria da tenda Porta da Pía Artesanía; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Beatriz Fontán, coordinadora de Música no Claustro; e Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra | © Gus Abreu

Entre o 1 e o 7 de agosto de 2025, a catedral tudense de Santa María acolle a 19º edición do festival «Música non claustro», que se celebra baixo o leitmotiv «Identidades», para ofrecer un espazo de ampla reflexión sobre as identidades de espazo, as identidades culturais e as identidades persoais. Ao longo da semana, artistas tanto internacionais procedentes de Cabo Verde, A Habana, Suíza ou Taiwan, como nacionais de Cataluña, Madrid e Galicia ofrecerán sete concertos de entrada libre que comezarán ás 21.00 horas, sen reserva previa de entrada, no claustro medieval da catedral de Tui. Ademais desta oferta, o festival acolle o foro procesional de artesanía e instrumentos «RESONANCIAS®».

Música no Claustro ten a súa sede no claustro medieval da Catedral de Tui desde o ano 2005. Un festival, de entrada libre, que conta coa colaboración privada de Cabreiroá , Gadis a AIE, e que é posible grazas ao apoio institucional do Cabido da Catedral de Tui, do Concello de Tui, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura, da Fundación Pública Artesanía de Galicia e da Axencia Galega da Industria Forestal.

Programa de actividades

Hoxe, venres 1 de agosto, ás 21:00 horas, co concerto do caboverdiano Mário Lúcio, músico e compositor de gran recoñecemento na lusofonía e autor dunha extensa discografía, así como libros de poesía, narrativa e obras teatrais. Foi Ministro de Cultura de Cabo Verde dende 2011 a 2016 e entre os seus libros destaca o seu ensaio Manifesto a Crioulización no que defende o «xurdimento incesante de novas identidades». Este libro será o tema central da conversa que o xornalista tudense José Font manterá con Mário Lúcio ao día seguinte, o sábado, 2 de agosto, ás 12:30 horas.

O sábado, 2 de agosto, ás 21:00 horas, achegámonos ao canon da música clásica europea cos cuartetos de corda de Mozart e Schumann na interpretación do Jouska String Quartet. Unha formación de música de cámara con sede en Suíza e premiada co Café Bauhaus Award en 2024. Un concerto no marco do acordo estatal coa Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes (AIE), que renovamos por oitava edición consecutiva, co que o domingo, 3 de agosto, descubrimos unha das voces máis novas da escena do flamenco: a cantaora Gabriela Giménez, acompañada do guitarrista Antón Giménez.

O luns, 4 de agosto, ás 21:00 horas, Música no Claustro acolle a presentación en Galicia do novo disco da frautista e compositora galega María Toro no que o jazz dialoga co flamenco, coa música popular brasileira ou co folclore galego. Unha travesía que comeza na súa Galicia natal e percorre identidades e vivencias persoais en Madrid, Suíza, Nova York ou Rio de Janeiro. Unha encrucillada de culturas na que conta coa participación de Toño Miguel ao contrabaixo, David Sancho ao piano e teclados, e Andrés Litwin á batería.

O martes, 5 de agosto, ás 21:00 horas, celebramos a recente praza na Filharmónica de Berlín da violinista tudense Raquel Areal na Filharmónica de Berlín. Un concerto ao carón da pianista cubana Karla Martínez Rabanal cunha escolma de pezas que nos achegan ao París da primeiras décadas do século XX con obras de Lili Boulanger, Claude Debussy ou Maurice Ravel, e una visión das identidades transatlánticas con Astor Piazzolla, Amy Beach ou a cubana Gisela Hernández, unha das compositoras que formou parte do Lyceum Club de La Habana, institución clave no desenvolvemento de dereitos e oportunidades para as mulleres en Cuba na que tamén destacou a galega María Muñoz de Quevedo.

O mércores, 6 de agosto, ás 21:00 horas, escoitamos á pianista e compositora catalá Clara Peya, unha das artistas máis persoais da escena contemporánea e que presenta o seu novo álbum «Solilòquia», un traballo íntimo no que explora o encontro con ela mesma, a música coma terapia de saúde mental. Na súa extensa e diversa discografía atopamos diversas colaboracións con Guadi Galego.

Música no Claustro 2025 remata o xoves, 7 de agosto, ás 21:00 horas, co violoncellista Mon-Puo, un músico de orixe familiar taiwanesa e cunha formación académica exquisita. Un concerto no que explora a intimidade das Suites para violoncello de Bach ou a Sonata de Kodály, obras canónicas do instrumento en paralelo a improvisacións e melodías que convidan a reflexionar de forma conxunta sobre o valor e a riqueza das identidades e a súa diversidade, nun mundo global que grita a dor das guerras, as inxustizas do racismo ou os odios e fobias ao diferente, ao singular, singularidades coas que construímos o colectivo do que somos parte.

RESONANCIAS®, foro profesional de artesanía e instrumentos musicais: 6 de agosto, baixo inscrición

Música no Claustro convoca o mércores, 6 de agosto, a quinta edición do foro profesional RESONANCIAS®. As inscricións están abertas en musicanoclaustro.com ou na web da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

RESONANCIAS® é un punto de encontro, reflexión e difusión do tecido profesional artesán na construción de instrumentos musicais en diálogo con outras disciplinas anexas como a interpretación musical, a xestión cultural, o deseño ou profesións técnicas vencelladas ao sector, nun compromiso marcado na posta en valor do emprego de madeiras galegas. RESONANCIAS® é unha iniciativa da Fundación Pública Artesanía de Galicia e da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia.

A conferencia maxistral é de Cristina Bordas, referente nos estudos de instrumentos musicais cunha longa traxectoria profesional na que poderiamos destacar a realización da catalogación dos instrumentos musicais conservados nos museos de titularidade do Ministerio de Cultura ou a fundación da asociación INSTRUMENTA, colectivo que traballa na salvagarda deste rico patrimonio cultural.

Como en cada edición, coñecemos de primeira man o traballo de tres obradoiros de instrumentos musicais do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: Ana Fariña, de corda frotada; Guillermo Dacal, de vento madeira e metal; e Ricardo Ramos, quen presenta xunto ao músico Pablo Hernández Mejías un catro portorriqueño construído con castiñeiro galego, un instrumento de madeiras galegas, ao igual que o violoncello de Adrián M. Pereiro impulsado por ensaia., comunidade para a financiación e o desenvolvemento de proxectos sociais coa xuventude e o talento local.

Unha xornada profesional na que a principal novidade é a participación da Oficina Española de Patentes e Marcas O.A. (OEPM), unha entidade pública ao servizo da artesanía fundamental no desenvolvemento comercial de calquera proxecto empresarial ou creación. Coñecer os aspectos básicos de funcionamento e protección das marcas e patentes, e a apertura dun inmerso arquivo histórico inédito con valiosa información sobre a artesanía e os instrumentos musicais dende o século XIX, serán os principais obxectivos da presenza da Oficina Española de Patentes y Marcas O.A. (OEPM) no foro profesional RESONANCIAS®.

E como a creación e promoción dunha marca responde a un exercicio activo de reflexión sobre as identidades na arte, artesanía e autoría, convocamos unha mesa redonda con Susana Cabo Buján, propietaria da tenda Porta da Pía Artesanía; á artesá de xoiaría Jose Castro (Noroeste Obradoiro), e ao artesán en madeira Aitor. Unha mesa redonda moderada por Beatriz Fontán, xestora cultural e creadora de nomes para marcas comerciais en seraponombres.com.

Por último, a xestora cultural María Casado, coordinadora do programa MUSAE de concertos nos museos do Ministerio de Cultura, conversa coa violinista tudense Raquel Areal, integrante da Filharmónica de Berlín, sobre as inquedanzas sonoras e as oportunidades de mercado na elección dun violín, na simbiose entre construción, interpretación e repertorio.

Plan de dixitalización e modernización «Música no Claustro» 2021-2026

O Plan de Dixitalización e Modernización Música no Claustro 2021-2026, impulsado nun primeiro intre coa axuda do INAEM, é beneficiario en 2025 das axudas do Ministerio de Cultura para a promoción do sector do videoxogo, do podcast e outras formas de creación dixital, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este novo impulso permitirá a creación, distribución e difusión de 12 novos capítulos do podcast RESONANCIAS® durante o segundo semestre. Un programa dedicado aos instrumentos musicais e a artesanía que xa conta con máis de 38 capítulos dispoñibles en Spotify e Amazon.

En paralelo, o Plan de Dixitalización e Modernización contempla o desenvolvemento dun arquivo verde dixital á disposición da comunidade investigadora, que reúne máis de 10.000 documentos que narran a historia do festival, e a publicación en YouTube dos concertos celebrados no claustro medieval —incluíndo á recuperación patrimonial da Misa medieval de san Telmo—.

Iria Folgado de xira co seu disco «Ecos de Breogán»

En 2023 impulsamos o disco Ecos de Breogán (Poliédrica, 2023) liderado pola oboísta Iria Folgado, solista de corno inglés da Konzerthaus Orchester e Berlín. Un proxecto para óboe e cuarteto de corda que contou co apoio do INJUVE, en paralelo a recoñecementos como o Talento Mozo da Xunta de Galicia ou o Premio +Músicas á mellor produción discográfica de música clásica liderada por unha muller.

Na actualidade, Iria Folgado está en xira co proxecto, unha ruta que comezou no seu San Sadurniño natal e que a levará por diversas comunidades do estado español dentro do programa de concertos impulsado pola Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes (AIE), así coma diversos concertos en Galicia. E o 5 e 6 de outubro abrirán a vindeira tempada de novos intérpretes da Fundación Juan March, Madrid.