19 de Novembro de 2026,
San Abdías

Comunicado da diocese de Tui-Vigo ante o roubo producido na igrexa de Priegue

Comunicado da diocese de Tui-Vigo ante o roubo producido na igrexa de Priegue

O pasado mércores 7 de outubro, na igrexa de San Mamede de Priegue, produciuse o roubo de varios cálices, copóns, patenas, unha xerra de prata e o copón cheo de formas do interior do sagrario. 

Atopámonos ante un acontecemento que causa especial tristeza a toda a comunidade crente, que ten na Eucaristía a fonte e o cume da vida de fe

Ante este feito, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, en nome da Diocese de Tui-Vigo, quere expresar o seu profundo pesar, en particular, polo roubo sacrílego e a profanación do Santísimo Sacramento. Ao mesmo tempo, manifesta a súa proximidade aos fieis da comunidade parroquial de San Mamede de Priegue .

A Diocese agradece a colaboración das autoridades e das forzas e corpos de seguridade na investigación do sucedido, e confía en que poidan esclarecerse canto antes as circunstancias destes feitos e recuperarse, se fose posible, os obxectos sacros subtraídos.

Como resposta a este acto sacrílego, realizarase, en data aínda por determinar, unha eucaristía de reparación e desagravio na igrexa de San Mamede de Priegue , á que se convida a participar a toda a comunidade diocesana.