19 de Abril de 2024

,

San León IX
19 de Abril de 2024

,

San León IX

Comunicado Oficial – Santuario A Franqueira

Comunicado Oficial – Santuario A Franqueira

COMUNICADO DA PARROQUIA- SANTUARIO DA NOSA SEÑORA DA FRANQUEIRA SOBRE A CELEBRACIÓN DA ROMARÍA DAS PASCUILLAS

Desde o inicio da alarma sanitaria declarada a causa da pandemia do coronavirus Covid19, somos conscientes da gravidade da situación uníndonos en oración e, pedindo especialmente, polas persoas que sofren esta enfermidade, os falecidos e todos os familiares. Unímonos de todo corazón a aqueles, que nos diversos servizos na sociedade, realizan as tarefas de atención e coidado das persoas: sanitarios, servizos públicos, e institucións.

Asumindo as normativas que se foron deseñando en cada circunstancia por parte das autoridades, fomos servindo da mellor forma posible as persoas nos diversos ámbitos pastorais: atención sacramental, oración e caridade.

En diálogo co Bispo da nosa Diocese e coas autoridades municipais non podemos prever un escenario favorable a que a Romaría das Pascuillas sexa celebrada de xeito ordinario. Tampouco se ve como factible trasladala a outra data por considerar que é descoñecido o futuro a longo prazo.

Por isto, con fonda dor de corazón comunicamos que a celebración da Romaría das Pascuillas previstas para o día 1 de xuño de 2020 quedan suspendidas.

Sabemos da dor que supón para os romeiros e peregrinos que cada ano, con fonda devoción acoden a este santuario aceptar esta medida, pero isto non impide que na data prevista poidamos unirnos espiritualmente en comuñón de fe para elevar a nosa pregaria á Virxe María.

A canle de comunicación co Santuario segue aberta e a disposición de todos a través dos medios: teléfono, internet, facebook, para os servizos e atencións que fosen necesarias.

Algunhas das accións realizadas e proxectos cara o futuro

Desde o inicio da alarma sanitaria no altar da Virxe está acesa unha vela simbolizando as pregarias dos romeiros e peregrinos. Moitas persoas empregan as redes sociais para facer chegar as súas peticións que recolle o párroco e as deposita xunto ao altar.

Celébrase a Eucaristía cada día, a porta pechada e sen fieis,  pedindo polos enfermos e polo fin da pandemia

Nas pantallas do santuario, namentres se celebra a Misa, visualízanse as fotografías de flores que envían os devotos desde as súas casas como ofrenda á Nosa Señora así como as peticións e os nomes de quen se quere pedir

Cáritas interparroquial segue a realizar o seu traballo de atención ás persoas que o demandan e continuando o seguimento de necesidades.

De cara ao futuro:

Estableceranse canles de comunicación coas parroquias que veñen de participar á Romaría para que o día 1 de xuño, aínda que non sexa de forma presencial no Santuario, poida ser unha data de celebración nas distintas comunidades e nos fogares dos romeiros.

Reiteramos a nosa disposición a todos de poñernos ao servizo do que necesiten: atención espiritual por teléfono e o servizo da nosa Cáritas interparroquial.

Unidos na oración ante a imaxe da Virxe María na advocación da Nosa Señora da Franqueira pedimos fortaleza na fe, seguridade da esperanza e constancia na caridade.

Coas miñas pregarias

Xabier Alonso Docampo

Párroco- Reitor do Santuario da Nosa Señora da Franqueira.

A Franqueira, 16 de abril de 2020

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp