Esta mañá, luns 23 de novembro, a Diocese de Tui-Vigo asinou, por primeira vez co concello de Vigo, un convenio marco de colaboración para o mantemento, conservación e restauración de bens, mobles e inmobles de titularidade eclesiástica. Na reunión, participaban Luís Quinteiro, bispo de Tui-Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, acompañados polo vigairo xeral da Diocese, Juan Luís Martínez, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Comercio, Distritos e Festas especiais, Anxo Rivas.
Este convenio marco, cuxa vixencia durará tres anos, marcas as liñas de traballo para futuras colaboracións entre ambas as institucións. No que respecta ao mantemento, conservación e restauración de bens de titularidade eclesiástica, a Comisión de Seguimento, formada por dous representantes de ambas as partes, encargarase de valorar as accións para realizar en fachadas, cubertas, atrios e outras elementos arquitectónicos, singulares e ornamentais, interiores ou exteriores, de valor histórico e artístico.
Ademais, a Diocese de Tui-Vigo cederá os espazos públicos convenientes para a realización de actividades de índole participativa e cultural que contribúan ao coñecemento do patrimonio. Ditas accións non deberán interferir cos actos relixiosos.
Actualmente, a partida orzamentaria inicial asignada ao convenio marco ascende aos 325.000 euros, divididos en 150.000, para este ano 2020, e 175.000, para o 2021.