8 de Febreiro de 2025,
San Jerónimo Emiliani

Concerto do Coro Infantil Cantabile na igrexa de Santo Domingo en Tui

Concerto do Coro Infantil Cantabile na igrexa de Santo Domingo en Tui
FOTO.- Coro Infantil e Xuvenil Cantabile da Coruña | © Coro Cantabile (perfil de Instagram)

O mércores 24 de xullo, ás 20.00 horas, a igrexa de Santo Domingo en Tui acollerá o concerto extraordinario do Coro Infantil e Xuvenil Cantabile da Coruña, durante o percorrido da súa xira polas terras do Miño galaico-portuguesas. Este concerto, con entrada libre ata completar aforo, está organizado en colaboración coa Asociación «Amigos da Catedral de Tui».

Esta agrupación coral, dirixida por Pablo Carballido del Camino interpretará o Gloria RV 589 de Antonio Vivaldi. Esta composición, tamén coñecida como o «Gloria» de Vivaldi, é unha das obras máis destacadas do período barroco italiano. A. Vivaldi, recoñecido polo seu talento como compositor e violinista, logrou nesta peza unha combinación brillante de coros e solistas, creando unha atmosfera sublime e emocionante.

O Coro Infantil e Xuvenil Cantabile nace froito da asociación que leva o seu mesmo nome como un gran proxecto musical e social que integra nenos, nenas, mozos e mozas, tendo á música clásica como fío condutor. Desde o seu nacemento en 2002 e ata a actualidade,  converteuse nun referente musical en toda a Galicia, grazas ao gran número de concertos e xiras que realizan tanto no panorama nacional como internacional —Viena, Salzburgo, Lisboa, Boloña, Madrid, Roma…—. Ademais, os numerosos premios recibidos e a crítica avalan a súa traxectoria interpretativa e, especialmente o seu son e técnica vocal, debidas ao seu director Pablo Carballido del Camino, tenor e mestre de canto.

Cantabile gravou xa seis discos, entre os que destacan a banda sonora da película «De Profundis» —estreada xunto á Orquesta Sinfónica de Galicia—; o disco dedicado á obra vocal sacra de Vivaldi avalado polo musicólogo José López Calo; «Mozart y Haydn en las voces de Cantabile»; ou o último proxecto, «Palabras de Luz: doce pezas corais inéditas», galegas e en galego, que foi premiado na sétima edición dos Martín Códax da música galega, na categoría de «Coros e grupos vocais».