Baixo o título «TUDE: Museo en construción», a delegación de Patrimonio e Arte Sacro da diocese de Tui-Vigo organiza unha serie de visitas guiadas á catedral tudense de Santa María durante os luns do mes de xullo —7, 14, 21 e 28—, ás 12:00 horas. Ademais de coñecer os segredos do templo catedralicio, a iniciativa permitirá coñecer de primeira man como se está desenvolvendo o proxecto «TUDE: Museo Catedralicio Diocesano», que se prevé inaugurar nos próximos meses.
Enmarcadas dentro da celebración do 800 aniversario da catedral de Tui —que dará comezo o 1 de decembro de 2025—, as visitas, que serán gratuítas, contan cun aforo máximo de 25 persoas. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico: patrimonio@diocesetuivigo.org.
Durante as visitas, as persoas rexistradas poderán percorrer parte do espazo catedralicio, «porque catedral e museo van da man, xunto coa paisaxe», explica Santiago Vega, delegado de Patrimonio e Arte Sacro da diocese de Tui-Vigo. Por iso, o obxectivo da iniciativa «é máis que nada entender este novo tipo de visita e contar algunhas peculiaridades do proxecto».
A elección do título que engloba estas visitas —«TUDE: Museo en construción»— non foi aleatoria: «queremos dar a coñecer o proxecto, non só porque está na súa última fase, senón tamén porque o museo sempre está en construción; o labor nunca está acabada», expresa o delgado diocesano de Patrimonio.