O vindeiro sábado 10 de maio, de 10:30 a 13.30 horas, no Seminario Maior «San Xosé», as delegacións diocesanas de Pastoral Vocacional e Misión, xunto coa CONFER, organizan un encontro para axentes de pastoral, un post-congreso para coñecer os froitos e a experiencia do Congreso nacional de Vocacións, convocado en Madrid, durante o pasado mes de febreiro. Inicialmente, esta xornada estaba prevista para o mes de marzo, pero, ao coincidir con outro actividade diocesana, foi trasladade para este mes de maio.
Ángel Carnicero, delegado diocesano, explica que ao longo da mañá haberá momentos de oración, formación, testemuños e, sobre todo, fraternidade. Neste sentido, trátase dunha oportunidade para, «como familia na fe, como familia diocesana, poder reflexionar sobre o valor da vocación». Ademais de dar a coñecer os froitos deste gran evento, a xornada será unha ocasión «para pensar xuntos e construír unha nova proposta de pastoral vocacional na diocese de Tui-Vigo, porque o kerigma da vocación é urxente: anunciar que como Deus nos ama, chámanos».
Entre os días 7 e 9 do pasado mes de febreiro, vinte e dúas persoas vinculadas a diferentes ámbitos eclesiais da diocese de Tui-Vigo asistiron no Congreso de Vocacións, que tivo lugar en Madrid baixo o lema «Para quen son? Asemblea dos chamados para a misión» e que contou coa participación de 3000 persoas de todas as dioceses de España. En decembro, a delegación de Pastoral Vocacional xa convocou unha primeira asemblea diocesana para profundar no significado da vocación baixo o lema «Porque es amado, es chamado»; o encontro, no que participaron un centenar de persoas, serviu de preparación para o que, posteriormente, viviríase en Madrid durante o mes de febreiro.