Durante o luns 22 e o martes 23 de xullo, o equipo formativo do Seminario Menor «San Paio» en Tui organizou unha convivencia cos sete alumnos internos do centro. Durante ambas as xornadas, puideron gozar de momentos lúdicos e confraternizar na Guarda, no monte Tegra, na praia América e en Baiona, así como unha viaxe en barco ata as illas Cíes.
Grazas aos grupos reducidos que estruturan as súas aulas, o Seminario Menor «San Paio » en Tui caracterízase por unha familiaridade que permite coñecer aos alumnos e xerar un maior clima de confianza, capaz de ofrecer unha formación personalizada. Así, pódense detectar dificultades tanto na aprendizaxe como na convivencia, o que promove un ambiente no que os alumnos poden desenvolver e potenciar todas as súas capacidades e habilidades.
Ademais de impartir formación nos catro cursos de ESO, nos que estudan un total de 38 alumnos, o Seminario Menor ofrece a posibilidade de internado, que conta con 7 alumnos que, a través da convivencia, viven unha experiencia vocacional que lles permite crecer na fe —función principal, do internado—. Para atender a esta comunidade educativa, o Seminario conta cun claustro composto de 14 profesores e un equipo de 3 formadores.
O Seminario Menor non só destaca pola súa familiaridade e grupos reducidos, senón tamén pola súa significativa localización no centro da cidade de Tui, que o converte nunha institución recoñecida na mente da sociedade tudense que localiza con facilidade o edificio. Isto supón unha vantaxe á hora de organizar actividades artísticas ou culturais, ao aire libre, na contorna do centro histórico de Tui.