23 de Febreiro de 2024

,

San Policarpo
23 de Febreiro de 2024

,

San Policarpo

Convivencia fraterna para persoas migrantes

Convivencia fraterna para persoas migrantes

O domingo 1 de outubro, ás 11.30 horas, no colexio San Xosé de Cluny de Vigo, a delegación de Migracións da diocese de Tui-Vigo organiza unha convivencia con persoas e familias migrantes, para celebrar a Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado que a Igrexa en España celebra o 24 de setembro, baixo o lema «Libres de elixir se migrar ou quedarse». A xornada finalizará coa eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, ás 18 horas, na capela do colexio.  

Na mensaxe elaborada con motivo da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado, o delegado diocesano de Migracións, Alberto Montes, expresou que esta é «unha ocasión para expresas a nosa preocupación polas diferentes categorías de persoas vulnerables que se desprazan; para rezar por elas mentres afrontan numerosos desafíos; e para sensibilizar sobre as oportunidades que ofrecen as migracións». Ademais, afirma que «a maioría dos nosos migrantes foxe, tal e como sinala o papa Francisco, pola inseguridade nos seus países, o narcotráfico, a violencia ou a falta de oportunidades laborais». 

109.ª Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado

LIBRES DE ELIXIR SE MIGRAR OU QUEDARSE

A Igrexa celebra a Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado (JMMR) desde 1914. Sempre foi unha ocasión para expresar a nosa preocupación polas diferentes categorías de persoas vulnerables que se desprazan; para rezar por elas mentres afrontan numerosos desafíos; e para sensibilizar sobre as oportunidades que ofrecen as migracións.

Cada ano, a JMMR celébrase o último domingo de setembro. En 2023, levarase a cabo o 24 de setembro. O tema elixido polo Santo Pai para este ano é: «Libres de elixir se migrar ou quedarse».

Na súa mensaxe o papa Francisco avoga por considerar de forma «atenta» as causas dos fluxos migratorios, que impoñen en moitos casos unha migración «forzada». Na mesma mensaxe o papa fai referencia, ao «dereito para permanecer na propia terra. O dereito para permanecer é anterior, máis profundo e máis amplo que o dereito para emigrar. Inclúe a posibilidade de participar no ben común, o dereito para vivir con dignidade e o acceso ao desenvolvemento sostible».

Á súa vez Francisco lembra que «os migrantes escapan debido á pobreza, ao medo, á desesperación» e sinala que algunhas das causas máis visibles da migración son «as persecucións, as guerras, os fenómenos atmosféricos e a miseria».

A diocese de Tui-Vigo non é allea ao drama migratorio. Nos últimos anos o número de persoas migrantes que buscaron refuxio na nosa diocese, aumentou considerablemente. A maioría dos nosos migrantes foxe, tal como sinala o papa, pola inseguridade nos seus países, o narcotráfico, a violencia ou a falta de oportunidades laborais. Esta situación interpélanos a todos a recoñecer no migrante non só un irmán ou unha irmá en dificultade, senón a Cristo mesmo que chama ao noso corazón.

Para a celebración este ano da JMMR, a delegación de Migracións celebrará esta Xornada, a nivel diocesano, o domingo 1.º de outubro no colexio S. Xosé de Cluny a partir das 11:30h. ata as 18:00h.

Alberto Montes, delegado de Migracións da diocese de Tui-Vigo

Materiais da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp