O Seminario Menor «San Paio » de Tui abre as súas portas para organizar unha convivencia con nenos de 6.º de educación primaria a adolescentes de 4.º de ESO, o vindeiro sábado 10 de xuño, de 11 a 19 horas. Esta xornada quere ser unha oportunidade para que familias, pero especialmente adolescentes, poidan achegarse a coñecer a comunidade do Seminario na que «se forma a xente de ben desde 1850», tal e como se manifesta na pancarta exposta ás portas deste edificio centenario. Os interesados en participar deben inscribirse previamente a través dos números de teléfono: 986 60 00 51 e 679 88 56 61.
O Seminario tudense ofrece a quen convive alí, todos os medios pedagóxicos de formación, humana, intelectual e espiritual que toda auténtica institución educativa está chamada a desenvolver, ofrecendo unha formación integral e un acompañamento personalizado a cada alumno. Na actualidade, conta cun total de 38 alumnos —7 deles, internos—, dando lugar a grupos reducidos na aula, que permiten coñecer aos alumnos e xerar un clima de confianza, capaz de ofrecer unha formación personalizada para desenvolver e potenciar todas as capacidades e habilidades dos estudantes. Este labor é posible grazas a un claustro composto de 14 profesores e un equipo de 3 formadores.