O verán é a época típica para facer plans cos amigos. Que leva a unha moza dun colexio concertado a decidirse a participar nunha peregrinación a Roma con outros mozos que apenas coñece? Cando a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo presentou a viaxe ao Xubileu da Mocidade en Roma no colexio San Xosé de Cluny, Corina Alejandra de Jesús, aos seus dezaseis anos, tívoo claro: «decidinme a participar porque buscaba atopar esa proximidade con Deus que vexo noutra xente e, tamén, porque quería crecer como persoa».
A aventura comezou moito antes de chegar a Roma, antes mesmo de subirse ao autobús con máis de cincuenta novos da diocese de Tui-Vigo. O 10 de xullo asistiu ao primeiro encontro que a delegación organizou para que os mozos puidesen coñecerse, previamente. «Fun sen moito expectativas, pero saín encantada porque a xente foi marabillosa. Durante a eucaristía dese día, atopeime cunha chea de mozos e mozas apaixonadas, cun sorriso de orella a orella», expresa o rememorar o que supuxo esta experiencia.
Desde o 27 de xullo e ata o 7 de agosto, compartiu “fogar” con eses mesmos mozos e mozas —xa non tan descoñecidos—, que a acompañaron no percorrido polas diferentes cidades italianas que visitaron ata chegar a Roma. Uns días nos que «puiden ser eu mesma e me sentín apreciada. Gústame ver á xente feliz».
Ademais de impresionarlle a beleza das igrexas italianas, que manifesta e reflicte a beleza da creación divina, un dos momentos que máis lle marcou foi o Encontro de Españois, que tivo lugar na Praza de San Pedro. Alí puido compartir a fe con miles de mozos que, como ela, buscaban atopar a Cristo nas súas vidas.
Durante o 2 e 3 de agosto, o grupo asistiu en Tor Vergata ao encontro co papa León XIV. Entre millóns de mozos, non tivo oportunidade de velo de cerca, pero «a pesar de que o papa estivese lonxe, nós sentiámolo preto igual», explica emocionada.
Unha peregrinación que comezou co desexo de sentir a proximidade de Dios acabou sendo unha experiencia moito máis profunda: descubrir unha fe que é compartida por miles de mozos. «Estou super agradecida porque me sinto abraza pola Igrexa. Literalmente, é unha das mellores experiencias que puiden ter», conclúe ao seu regreso.
Corina Alejandra de Jesús, colexio San Xosé de Cluny

