Neste tempo de desgraza causado pola pandemia do coronavirus, o Papa Francisco volveu convocar á Igrexa e ao mundo a un tempo de graza e misericordia, as 24 horas para o Señor.
O lema deste ano, El perdoa todas as túas culpas, e cura as túas enfermidades, tomado do salmo 103, incide na necesidade que ten toda persoa de sandar integralmente: o corpo e o espírito.
Os actos diocesanos celebráronse na igrexa parroquial de Santiago de Vigo e dividíronse en dúas xornadas, venres 12 e sábado 13, desde as 8 da mañá ata as 8 da tarde.
Durante eses dúas días foron moitos os grupos e as persoas que se achegaron para orar ante ao Santísimo e para reconciliarse no sacramento do perdón.
A Misa de clausura, celebrada o sábado 13 ás 19,30 horas, estivo presidida polo noso Bispo, D. Luis.
Na súa intervención durante a homilía sinalou que a xornada das 24 horas para o Señor, que o ano pasado houbo que suspender, “danos esperanza e luz, e concédenos a oportunidade de atoparnos con Deus”. Hoxe máis ca nunca, continuou D. Luis, as persoas precisan de Deus, e o cristianismo ofrécenos a posibilidade dese encontro en Cristo Xesús; “nas súas palabras, nas súas obras e na súa persoa está todo o misterio de Deus.
Rematou a homilía dando as grazas ao Papa Francisco por ter convocado novamente, malia a situación actual, esta xornada: “As 24 horas para o Señor son un momento para sentir que Deus nos fala con tenrura, que nos invita á escoita e que nos chama a ser testemuñas da súa Palabra”.