19 de Abril de 2026,
San León IX

O 24 de abril de 2025 D. Antonio Valín Valdés convocou á Comisión Permanente do Consello Diocesano de Pastoral (CDP). A finalidade da reunión era establecer un calendario para a renovación do Consello Pastoral e dialogar sobre o plan pastoral para o curso 2025-2026.

Naquela reunión decidiuse, despois dun enriquecedor diálogo, dedicar o seguinte curso a analizar a realidade diocesana e crear un grupo de traballo para elaborar uns cuestionarios que facilitasen a recollida de datos e axudasen a perfilar un retrato actual da vida da diocese.

Ao longo de cinco reunións (12 de maio, 2 de xuño, 16 de xuño, 25 de xuño e 8 de xullo) foise clarificando a quen dirixir a consulta, o contido dos cuestionarios e a metodoloxía a seguir. O froito de todo iso é o que se recolle neste documento e que será o instrumento de traballo para o curso que comeza.

Atoparémonos con oito cuestionarios. Seis deles son “privados”, é dicir: dirixidos a un tipo de destinatario que pertence a un grupo concreto (por exemplo sacerdotes ou axentes de pastoral). Estes seis cuestionarios, á súa vez, divídense en dous bloques: os tres primeiros recollen datos obxectivos, computables; e os outros tres recollen información subxectiva. Os dous cuestionarios restantes son “públicos”, é dicir, abertos a todo tipo de persoas.

Pedimos a colaboración de todos e todas para que este traballo sexa ben acollido e se reciba un número suficiente de enquisas que permitan cumprir coa finalidade que se propuña: coñecer a realidade socio-relixiosa actual da nosa diocese.

Recibidas as respostas – a data límite está sinalada para o 28 de febreiro de 2026-, realizarase o baleirado dos datos durante os meses de marzo e abril. No mes de maio convocarase o CDP para presentar os resultados e recoller, a partir dos mesmos, suxestións para o próximo Plan de Acción Pastoral. De seguido a Comisión Permanente do CDP elaborará unha primeira redacción do Plan Pastoral que será presentada no mes de xuño á Asemblea Xeral do CDP. Se se propoñen modificacións ou cambios, a Comisión Permanente valorará a súa incorporación para presentar o texto definitivo en setembro de 2026.

Non falta traballo, pidamos ao Espírito que non falte ánimo.

Datos obxectivosparroquias, vida consagrada, movementos e asociacións

Para coñecer a realidade socio-relixiosa da diocese debemos partir dos datos que son obxectivos, é dicir, que se poden cuantificar e medir.

Presentamos de seguido tres cuestionarios que pretenden recadar datos concretos sobre tres realidades diocesanas: as parroquias, a vida consagrada, e os movementos e asociacións.

Os cuestionarios sobre as parroquias enviaranse aos párrocos; un por parroquia. En principio o propio párroco ou algún colaborador parroquial pode contestar, xa que os datos son fáciles de acadar: número de bautizados, número de catequistas,…

Os cuestionarios da vida consagrada remítense ás respectivas comunidades; un por comunidade. O superior ou superiora, ou algunha outra persoa a quen llo encargue a comunidade, pode responder ás cuestións.

Os cuestionarios dos movementos e asociacións remitiranse a cada un dos grupos; un por movemento ou asociación. A persoa que se encarga da secretaría pode responder aos datos que se piden.

A información que se solicita nos cuestionarios é a que corresponde ao ano 2024.

O prazo límite para entregar estes cuestionarios é o 21 de decembro de 2025. Pódense enviar por correo postal ou por correo electrónico.

Cómpre sinalar o nome da parroquia, comunidade ou movemento ou asociación.

Información subxectivasacerdotes, persoas de vida consagrada e axentes de pastoral

O coñecemento da diocese non ven dado só polos datos obxectivos, senón tamén pola percepción que os distintos actores teñen da realidade que están a vivir. Esa percepción subxectiva, onde se manifestan dúbidas, esperanzas, fracasos, ilusións e logros, é tan necesaria como a frialdade das cifras, incluso máis; porque ao final o factor humano é determinante para realizar unha acción evanxelizadora eficaz e gozosa.

Por razóns evidentes, todos os cuestionarios son anónimos.

O primeiro e o segundo están dirixidos a sacerdotes e persoas da vida consagrada. Son cuestionarios abertos, onde se pode responder con maior amplitude, dado que os posibles destinatarios son un número reducido de persoas. Enviaranse persoalmente, por correo postal, a cada sacerdote e a cada consagrado ou consagrada que desenvolve a súa tarefa na diocese.

O terceiro cuestionario está destinado aos axentes de pastoral: aquelas persoas que teñen un compromiso concreto na comunidade cristiá, que exercen nela un servizo ou ministerio. Están na dinámica das parroquias, dos movementos, das asociacións, dos grupos; coñecen a realidade desde dentro e, polo tanto, teñen opinión e criterio. O cuestionario dedicado a este grupo é “pechado”, con respostas breves e acoutadas; ao estar dirixido a un amplo número de persoas, un cuestionario “aberto” presentaría serias dificultades para o baleirado dos datos. Enviaranse exemplares dos cuestionarios ás parroquias, movementos, grupos, delegacións… tamén se poden consultar e responder na web da diocese.

A idea destes tres cuestionarios é explorar a percepción actual que teñen os distintos actores da pastoral diocesana e, desde aí, empezar a construír apoiándonos mutuamente, alentándonos uns aos outros e compartindo esperanzas e proxectos.

Para iso contamos, queremos contar, coa colaboración de todos e todas.

O prazo para entregar estes cuestionarios é o 28 de febreiro de 2026. Pódense enviar por correo postal ou por correo electrónico.

Enquisa públicapersoas fieis laicos e non practicantes

Estas dúas enquisas, denominadas “públicas”, están dirixidas a todo tipo de persoas e non a grupos específicos, e pretenden ofrecer unha mirada externa á nosa realidade eclesial. Para iso queremos arrecadar a opinión dos fieis en xeral, dos crentes non practicantes e mesmo daquelas persoas que non se senten crentes.

Por razóns evidentes, ambos cuestionarios son anónimos.

O primeiro, o das persoas fieis laicas, está destinado a aquelas persoas que, sen ter un compromiso concreto na comunidade cristiá nin exercer nela un servizo particular, participan asiduamente das celebracións, fundamentalmente da Misa Dominical. A súa opinión é relevante e pode axudar a mellorar aspectos concretos da proposta pastoral.

O segundo ten como destinatarios un amplo grupo de persoas, que pode incluír a non practicantes, agnósticos, non crentes ou ateos. Persoas que nunca practicaron ou, por diversas causas, deixaron de facelo, pero que teñen sobre a fe e sobre a Igrexa unha opinión que convén escoitar para poder cumprir coa nosa misión evanxelizadora.

Estes cuestionarios enviaranse a quen os solicite e o número de exemplares que solicite. Sería bo informar á xente sobre esta iniciativa e deixar exemplares na porta da igrexa para que libre e anonimamente poidan responder.

Tamén estarán dispoñibles para consultar e responder na web da diocese.

O prazo para entregar estes cuestionarios é o 28 de febreiro de 2026. Pódense enviar por correo postal ou por correo electrónico.