Á noitiña do pasado mércores día 22 de marzo chegábanos a triste noticia do falecemento, no Hospital do Salnés aos 87 anos, de don Luís Hierro Najarro, sacerdote da diocese de Tui-Vigo e que fora, entre outros moitos encargos, durante máis de 25 anos párroco de santo Miguel de Bouzas (1992 a 2018) e máis de 15 reitor do Seminario Menor «San Paio» de Tui. Descanse en paz o benemérito e entregado sacerdote, cuxo corpo será velado no Tanatorio de Arousa ata que ás 16 horas de mañá venres sexa trasladado ao templo da súa parroquia natal de Santiago de Carril, onde se celebrará a misa exequial e o posterior enterro no cemiterio municipal. Tamén se celebrarán senllos funerais ás 17 horas do luns 27 de marzo na parroquial de santo Miguel de Bouzas e o martes 28 á mesma hora na S.I. Catedral de Tui.
Despois de realizar os estudos eclesiásticos nos seminarios da diocese, Luís Hierro foi ordenado sacerdote en Vigo hai 62 anos e as súas primeiras encomendas foron as parroquias de Cepeda e Amoedo (1961); en 1969 nomeóuselle consiliario das mulleres de Acción Católica e ao ano seguinte cura ecónomo de santa Clara de Vigo e capelán do Cemiterio Municipal de Lavadores. En 1973 noméaselle profesor e director espiritual do Seminario Maior, así como profesor do Instituto Santa Irene, aínda que ao ano seguinte envíaselle de director espiritual do Seminario Menor e profesor do Instituto de Ensino medio San Paio de Tui, en cuxa cidade permanecerá durante máis de 15 anos como Reitor do seu seminario (1977-1992), ata ser nomeado párroco de santo Miguel de Bouzas . Foi elixido polos seus compañeiros en varias ocasións arcipreste de Vigo-Polígono; foi nomeado cóengo da S.I. Catedral (2000) e membro do Colexio de Consultores entre outros encargos numerosos, que desempeñou sempre con dilixente espírito de servizo. Impulsor de numerosas asociacións apostólicas e confrarías destacou especialmente pola súa dedicación e proximidade aos Equipos de Matrimonios da nosa Señora.