O pasado domingo, de 9 a 14 horas, o pavillón do Berbés acolleu a II edición do Torneo de Nadal de fútbol sala organizado pola delegación diocesana de Stella Maris, na que participaron máis de 60 persoas de diferentes nacionalidades —senegaleses, indonesios, peruanos ou españois, entre outros—. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, asistiu para acompañar aos mariñeiros rexistrados e entregar os diferentes premios.
Mons. Luís Quinteiro expresou que, «compartir este momento, é un xesto bonito» e agradeceu a participación das persoas rexistradas e dos voluntarios que fixeron posible o correcto desenvolvemento deste torneo. De forma especial, o prelado tudense deu as grazas a as xentes do mar, porque «nos permitides entrar nas vosas vidas e deixádesnos axudar. Nestes días de Nadal, queremos estar preto de vós».
O torneo deu inicio co saque de honra a cargo do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana. Durante a mañá, o grupo moañés, Argonad Band, foi o encargado de amenizar o terceiro tempo e alumnos voluntarios do colexio Xesuitinas-Miralba realizaron unha enquisa entre os participantes, para que a delegación de Stella Maris poida desenvolver, no futuro, novas actividades baseadas nos gustos e preferencias das xentes do mar.
A través desta iniciativa, a delegación de Stella Maris de Vigo busca crear un espazo de encontro entre tripulantes e traballadores do porto, a través dunha actividade divertida que ofrece un pouco de lecer aos mariñeiros que, estes días, están lonxe dos seus fogares. Tal e como explican, «o fútbol é un deporte que lle gusta a todo o mundo e, sobre todo, é un deporte de equipo que permite interactuar, socializar», noutras palabras, humanizar unha profesión que, no cotián, non facilita a relación humana.
Ademais deste torneo e da eucaristía celebrada na concatedral-basílica de Santa María o sábado 15 de decembro, a delegación de Stella Maris da diocese de Tui-Vigo, cuxas oficinas están situadas no edificio Portocultura, tamén opuxo en marcha a campaña «Gorros que non só abrigan», coa que se reparten caixas de produtos do Nadal e gorros calcetados a man, para dulcificar a situación de illamento e ausencia familiar dos mariñeiros da frota de altura cuxos barcos arribaron en Vigo durante as datas festivas.