«Miña nai decidiu que tomase eu a decisión». Así explica Xulia, unha moza de dezasete anos que estuda 2º de bacharelato no colexio Apóstolo Santiago de Vigo, a razón pola que non recibira o Bautismo ata o pasado 23 de novembro de 2024. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a celebración na capela do colexio Maristas-Santa María de Tui, onde Xulia, arroupada polos seus compañeiros do colexio e pola súa familia, recibiu os sacramentos do Bautismo e da Eucaristía: «foi moi bonita. Durante toda a cerimonia, o bispo falábame e facía comentarios para conectar coa xente. Era moi próximo, moi familiar e moi real».
O seu proceso de formación e discernimento comezou hai dous anos, cando, animada pola súa nai, sumouse ao grupo de mozos e mozas do colexio que querían prepararse para recibir o sacramento da Confirmación. De feito, a fe estivo presente na vida de Xulia grazas, fundamentalmente, ao centro educativo dos xesuítas, onde se formou desde pequena: «é algo importante que nos ensinan e nos presentan». A catequese ofreceulle un espazo de discernimento e reflexión. Este verán, participou na convivencia para a mocidade organizada pola Compañía de Xesús en Loyola, o que supuxo «o último impulso para dicir “veña, vai, este é o momento, bautízate!”».
Aínda que o normal é recibir o sacramento da Confirmación sendo adolescente, é menos común atopar mozas da idade de Xulia que desexen bautizarse: «os meus amigos máis próximos felicitáronme, recibírono ben. Tamén teño amigos que non van a colexios relixiosos e que, aínda que están bautizados, non viven a relixión como algo tan próximo; con eles, coméntoo e sorpréndense un pouco, pero trátano con naturalidade».
O pasado venres 13 de decembro, 45 mozos e mozas do colexio Apóstolo Santiago, entre eles Xulia, recibiron o sacramento da Confirmación nunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, no templo parroquial de San Francisco Xavier en Vigo. Agora que xa finalizou o seu proceso de iniciación cristiá, Xulia só desexa «seguir sentindo ese agarimo, ese amor que sentín, por exemplo, en Loyola —que foi o que máis me impulso a tomar a decisión—» e pídelle á Igrexa manter «esa segunda familia», que atopou no colexio.
Cada ano, o colexio Apóstolo Santiago de Vigo acompaña a preto dun centenar de mozos e mozas que desexan recibir o sacramento da Confirmación. Na diocese de Tui-Vigo, máis de catrocentos adolescentes de diferentes parroquias e centros educativos completan o seu proceso de iniciación cristiá; en concreto, no ano 2023, 499 recibiron a Confirmación.