4 de Novembro de 2024

,

San Carlos Borromeo
4 de Novembro de 2024

,

San Carlos Borromeo

Arquivo histórico

Arquivo histórico

Arquitectura e arte na Catedral

Sobre a arquitectura da Catedral-fortaleza baste dicir que foi inicialmente románica e adaptada ás posibles necesidades defensivas; pero moi pronto se viu afectada polas novas correntes de transición ao gótico. Anótese tamén que o espléndido pórtico da fachada principal, no que están representadas escenas da Natividade, non sería concluído ata 1236.

E na imposibilidade de enumerar todas as obras de arte encerradas na Catedral, invitamos a admirar a beleza artística e a teoloxía do misterio da encarnación xenialmente expresada no retablo da Expectación, obra do redondelano Antonio do Villar (1722), que se acha no brazo sur do cruceiro xunto á porta que dá acceso ao Claustro; a detallada exposición davida e milagres de San Telmo, na sillería do coro, obra de Francisco Castro Canseco (1699); tamén polo seu simbolismo, a sede desde a que nos preside o Bispo (obra de Domingo Rodríguez de Pazos, 1712) e os frontais do altar, que son do século XV, de inspiración mudéxar.

A Igrexa Catedral é aquela en a cal o Bispo ten situada a súa Cátedra, signo do maxisterio e da potestade do pastor da Igrexa particular, como tamén é signo da unidade de todos os crentes na fe que o Bispo anuncia como pastor da grey». (Cerimonial dos Bispos nº 4)

ARQUIVO CAPITULAR

En realidade, trátase de dous arquivos, o Arquivo Capitular ou Catedralicio e o Arquivo Histórico Diocesano, que funcionaron en locais independentes ata que en 1994 foron unificados nunha mesma sede.

Arquivo Capitular ou Catedralicio

Para xulgar os avatares históricos dos centros librarios e documentais en España non se pode esquecer o trauma producido pola invasión sarracena no século VIII e o seu asentamento na península ibérica, así como as sucesivas incursións normandas. O ilustre historiador tudense, Francisco Ávila y la Cueva, na súa Historia de Tui e o seu Bispado (tomo I, páx. 93 e seguinte) di que no ano 997 Almanzor, xeneral dos mouros de Córdoba, cos seus poderosos exércitos atravesou o Miño, tomou pola forza a nosa cidade e en castigo por facerlle fronte demoleuna na súa maior parte e saqueouna, dirixíndose despois a Santiago. 

A principios do século XI volveu Tui a padecer o lamentable asalto dos normandos que a deixaron “deserta, viúva e enlutada por moitos anos”. Moi poucos foron os libros, privilexios e documentos en pergamiño da catedral que sobreviviron á destrución e ás chamas provocadas por aquelas hordas enfurecidas.

Paper, Documentation, Paper Curl, Letter, Scroll, Parchment, Papyrus, Halloween_1

A posterior recuperación do patrimonio bibliográfico e documental, que non se perdeu, foi unha labor lente e laboriosa dos bispos e do cabildo de Tui. Cara a 1923 o eminente investigador Pascual Galindo Romeo, catedrático da Universidade de Santiago e posteriormente da Central de Madrid, concluíu a redacción do catálogo dos documentos medievais do Arquivo capitular tudense co propósito de que se procedese á súa inmediata publicación. O catálogo non foi publicado, pero consérvanse as case mil fichas manuscritas, rigorosamente cumprimentadas con referencias precisas á Historia Sagrada do P. Flórez, nas que describe e identifica os novecentos pergamiños. A copia máis antiga conservada no Tumbo é do ano 934 (documento de Ramiro II, 931-950), con todo o primeiro pergamiño orixinal é a doazón de diversos mosteiros feita por dona Urraca á Igrexa de Tui o 13 de xuño de 1071. Os fondos máis antigos comprenden, ademais, diversas escrituras dos dous libros Tumbo (libros de rexistro de documentos, compostos no s. XVI) e dos protocolos notariais.

Arquivo Histórico Diocesano

O Arquivo Histórico Diocesano foi erixido en 1974 para asegurar e difundir o patrimonio documental, conservado nos arquivos parroquiais da diocese con celoso esmero polos párrocos. Ese inapreciable tesouro documental chegou íntegro ata nós, salvo moi contadas excepcións en que sufriu deterioracións por abandono persoal ou por destrución intencionada, como é o caso do saqueo e queima dos arquivos das parroquias de Porriño, de Villavieja e de Redondela cando a invasión dos franceses en 1809. Para evitar perdas irreparables das fontes que posibilitan a reconstrución da vida relixiosa, cultural, económica e social dos tempos pretéritos, en 1971 a Conferencia Episcopal Española determinou considerásese a urxente necesidade da transferencia dos arquivos parroquiais, con máis de cen anos de antigüidade, ao Arquivo Históricos Diocesano; fíxose eco disto o Boletín Oficial do Bispado de Tui-Vigo ao publicar o decreto do entón bispo da diocese, D. José Delicado Baeza.

Co mencionado decreto do 1 de maio de 1974 creouse o Museo e Arquivo Histórico Diocesano baixo a dirección de D. Jesús Gómez Sobrino. As dúas entidades patrimoniais e culturais permaneceron unidas e ocuparon o nobre edificio do antigo hospital de pobres e peregrinos, inmediato á catedral, que o prelado D. Juan Manuel Rodríguez Castañón construíra ás súas expensas en 1756 sobre outro anterior, levantado no século XVI polo seu predecesor D. Diego de Torquemada.

Cara a 1983, para mellorar o ordenamento físico do Arquivo Capitular, habilitáronse as dependencias do desusado vestiario do cabildo, situadas no lado norte da catedral e cuxas obras foran realizadas o ano 1797 en tempos do bispo D. Juan García Benito. Corría o ano 1994 cando se trasladou tamén alí o Arquivo Histórico Diocesano. Desde xuño de 1998, xa co bispo D. José Diéguez Reboredo, separáronse totalmente os Arquivos Catedralicio e Diocesano do Museo Histórico Diocesano, sendo nomeados respectivamente dous directores que velan con absoluta independencia polo perfecto desenvolvemiento das actividades de conservación, investigación e divulgación do patrimonio artístico e documental de ambos organismos.

Os fondos do Arquivo Histórico Diocesano están constituídos por moi diversas clases de documentación: cartapacios e libros manuscritos e impresos. O fondo que ocupa máis metros dos andeis é o dos libros parroquiais; estes libros, con máis de cen anos de antigüidade, proceden dos arquivos parroquiais cuxos comezos se remontan á segunda metade do século XVI e primeira do seguinte. En efecto, o ano 1568 o bispo D. Diego de Torquemada publicou na diocese tudense os decretos do concilio de Trento (1563) polos que se establecía que se abrisen en cada parroquia os libros de bautizados, casados e defuntos.

Consulta os fondos do Arquivo Capitular e Histórico Diocesano de Tui neste enlace.

LOCALIZACIÓN

Dentro da mesma catedral de Tui, no chamado “Pazo da Contadoría”

DIRECCIÓN

Praza de San Fernando, s/n Apartado, 82
36700 TUI

Horario para os investigadores

Mércores e venres de 10:00 a 14:00 horas
Debido á estruturación que se está realizando, mantense a restrición a dous días á semana e co horario indicado, malia que en casos excepcionais pódese concertar a ampliación dos mesmos.