«A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do mundo» é o lema deste ano da Xornada Pro Orantibus, que a Igrexa celebra na solemnidade da Santísima Trindade, o próximo 30 de maio.
Os bispos da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, organizadora desta Xornada, lembran na mensaxe que «este é un ano máis, pero non un ano calquera. Estamos a atravesar unha situación global que trastornou fortemente as nosas vidas». Por iso, subliñan a importancia da vida contemplativa «que sofre cando o mundo sofre porque o seu apartarse do mundo para buscar a Deus é unha das formas máis belas de achegarse a el a través de El».
Nos materiais que ofrece a Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, ademais da mensaxe de presentación da Xornada, pódense ler varios testemuños de persoas consagradas e a homilía do papa Francisco ás monxas contemplativas nun encontro en Lima (Perú) ás que agradece o seu labor. Coa súa vida de oración, tanto comunitaria como persoal «renovan a certeza de saberse fillos de Deus». «A oración —engade o Papa— é o núcleo da vosa vida consagrada, a vosa vida contemplativa, e é o modo de cultivar a experiencia de amor que sostén a nosa fe».