O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, publicou unha nota con motivo da solemnidade de san Xosé que, neste ano 2025, foi declarado laborable na comunidade autónoma de Galicia. Con tal motivo, dispuxo manter o 19 de marzo, solemnidade de san Xosé, festa de precepto coa obrigación de participar na eucaristía, aínda que sexa laboralmente hábil —quen teña xornada laboral ordinaria queda dispensado do precepto, aínda que se recomenda vivamente a participación na misa—.
Disposicións para a celebración do día de san Xosé
San Xosé, esposo da Benaventurada Virxe María, home xusto, nacido da estirpe de David, que fixo as veces de pai para co Fillo de Dios, Cristo Xesús, o cal quixo ser chamado fillo de Xosé, e estívolle suxeito como un fillo ao seu pai. A Igrexa venérao con especial honra como patrón, a quen o Señor constituíu sobre a súa familia (Martiroloxio Romano).
O vindeiro día 19 de marzo do presente ano 2025, Solemnidade de San Xosé e festa de precepto, é xornada laboral no Calendario Civil da nosa Comunidade Autónoma de Galicia.
Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que esta festa debe ter por parte da comunidade católica, e tendo en conta a importancia que o Patriarca San Xosé ten na vida da Igrexa e na tradición familiar dos nosos pobos, os Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela acordamos manter nas Dioceses respectivas o carácter festivo deste día.
En conformidade co cal, no que se refire á Diocese de Tui-Vigo, polo presente
DISPOÑO:
1. Manter o día de San Xosé (19 de marzo), coma solemnidade de precepto, coa obrigación de participar na celebración da Santa Misa.
2. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.
3. Rógase aos párrocos e reitores de igrexas que informen os fieis con antelación destas decisións e acomoden os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.
4. A celebración do Día do Seminario, coa correspondente colecta, farase coincidindo coas misa da tarde do sábado, día 15, e do domingo, día 16 de marzo, II Domingo de Coresma.
Dado en Vigo a 12 de marzo de 2025.