O sábado 10 de maio, de 11.30 a 19.30 horas, na andrómena do Porto de Vigo, diferentes entidades católicas que forman parte da rede social Galicia Sur, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo e coa coordinadora galega de ONGD, organizan unha xornada solidaria e de sensibilización mediante o xogo, a participación, escoita e o percorrido dunha xincana solidaria. Ademais, haberá actividades diversas e unha actuación musical a cargo de grupos de colectivos migrantes da cidade olívica. A xornada finalizará ás 19.00 horas, cun Círculo do Silencio iniciativa que a rede social Galicia Sur realiza, desde 2018, o primeiro xoves de cada mes no farol de Urzáiz.
Baixo a coordinación da Rede Social Galicia Sur, as organizacións participantes son: Fundación Proclade —Claretianos—, Cáritas, Fundación Entreculturas —Xesuítas—, Manos Unidas, Oxfam Intermón, Acción Verapaz, Parroquia Cristo da Victoria, Amnistía Internacional e Fundación Esplai.
A xornada, que está enfocada especialmente para familias, abordará diversos temas desde unha perspectiva lúdica: o dereito á educación, o consumo responsable e comercio xusto, o dereito fundamental do acceso a auga, o reto de eliminar a fame do mundo, aos movementos migratorios vinculados á crise climática, ao drama dos migrantes menores non acompañados. Tamén se traballará contra os bulos, especialmente os vinculados ás persoas migrantes que chegan ás nosas cidades.
Nun comunicado publicado, a rede social Galicia Sur explica que «nun contexto internacional con múltiples e complexas crises, o inicio de novas guerras e conflitos internos, o agravamento da crise climática, o aumento das emerxencias humanitarias, o recorte xeneralizado de dereitos vinculados ás novas políticas que están a implantar algúns líderes mundiais, queremos mobilizar e sensibilizar á nosa sociedade civil pola loita cara a un mundo mellor, máis solidario e inclusivo e que defenda a dignidade de todas as persoas. E ao tempo, tamén esixir un maior compromiso coa política pública de cooperación a nivel global e cos nosos servizos sociais máis próximos no local. Queremos un mundo que poña ás persoas no centro, que defenda a súa dignidade e respecte os seus dereitos».