7 de Marzo de 2026,
Santas Perpetua y Felicidad

«Embárriate Teis»: arte, empatía e inclusión social no corazón de Vigo

«Embárriate Teis»: arte, empatía e inclusión social no corazón de Vigo

Mañá, venres 25 de abril, ás 11.00 horas, na Senda Verde de Vigo, a Fundación Santa Cruz, entidade sen ánimo de lucro con máis de 59 anos de traxectoria traballando con persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade, inaugura a exposición artística «Unha experiencia única», que forma parte do proxecto comunitario de dinamización social «Embárriate Teis: Encontros nos patios 2025». A mostra, que poderá visitarse mañá de 10.30 a 18.00 horas, inclúe máis de 700 obras, entre debuxos e pezas visuais, creadas por usuarios das diferentes entidades sociais e o alumnado de diversos centros educativos da cidade olívica.

O acto de inauguración contará coa participación de Arturo Parrado, director xeneral de Inclusión Social da Xunta de Galicia; Miriam Sánchez, coordinadora do proxecto e da área de Inclusión da Fundación Santa Cruz; e Uxía, educadora social e facilitadora do proxecto. Á inauguración tamén asistirá o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.

«Embárriate Teis» é unha proposta de participación social que ten como obxectivo crear lazos entre persoas moi diferentes, especialmente entre colectivos vulnerables e a comunidade educativa, utilizando a arte como medio de expresión emocional, denuncia social e transformación.

Durante varios meses, máis de 600 nenos e nenas de 8 centros educativos de Vigo participaron en talleres xunto a persoas sen fogar, con enfermidade mental, mulleres en exclusión e persoas maiores. A través destes encontros, traballáronse valores como a resiliencia, a empatía, a diversidade e a dignidade. As persoas en exclusión achegáronse ao alumnado para compartir as súas vivencias reais, falar da rúa, da superación, das emocións e mostrar que detrás de cada historia hai unha persoa.

O resultado desta experiencia é a exposición cuxas obras se dividen en: «A Bandeira da Resiliencia», unha creación colectiva de máis de 30 metros de lonxitude que reúne centos de debuxos sobre emocións, fortaleza interior e superación; e «A exposición de zapatos», unha instalación simbólica que convida a reflexionar sobre a realidade das persoas sen fogar, animando ao público para poñerse —literal e emocionalmente— “nos seus zapatos”.