Como cada ano, coincidindo coa solemnidade de Pentecoste prevista para o vindeiro domingo 23 de maio, a Igrexa católica en España celebra a Xornada da Acción Católica e o Apostolado Segrar cuxo lema desa edición, «Os soños constrúense xuntos», está inspirado na mensaxe da Fratelli Tutti —a carta encíclica sobre a fraternidade e a amizade social publicada polo papa Francisco en outubro de 2020— e o traballo desenvolvido no Congreso Nacional de Laicos organizado en Madrid en febreiro de 2020.
Con esta idea de fondo, o delegado episcopal de Apostolado Segrar da Diocese de Tui-Vigo, Juan José González, nunha carta dirixida aos párrocos, axentes de pastoral e responsables de movementos apostólicos, lembra que estamos chamados a vivir a unidade con toda a Igrexa e con toda a humanidade, aínda no medio da pandemia mundial da Covid-19 que freou gran parte da actividade pastoral deste último ano. No medio deste contexto, expresa o delegado, «o Espírito Santo, que nos fai superar divisións sociais, políticas e económicas, chámanos a compartir a dor cos que sufriron e sofren polos efectos do contaxio, pola morte de tantos seres humanos e as súas familias rotas pola tristeza, e polas consecuencias cada vez máis alarmantes da situación socioeconómica que afecta a tantas familias».
Os materiais, dispoñibles en galego e español, foron elaborados pola delegación diocesana para axudar a movementos e parroquias a vivir, na medida das posibilidades, a Xornada festiva deste ano. Ademais, o vindeiro sábado 22 de maio, organizarán unha vixilia diocesana de Pentecoste presidida polo bispo, Luís Quinteiro, ás 20 horas no templo parroquial do Sacro Corazón de Xesús de Vigo.
Desde a Comisión Episcopal de Laicos, Familia e Vida da Conferencia Episcopal Española, publicaron materiais para a reflexión e para a catequese de nenos, novos e adultos, seguindo a metodoloxía da Acción Católica —ver, xulgar, actuar e celebrar—. Os documentos elaborados queren incentivar, tal e como explican os bispos españois na súa mensaxe deste ano, os soños de Deus «para a Igrexa que peregrina en España e que desexa levar a cabo un renovado Pentecoste […], desde unha dobre dimensión: ad intra da Igrexa e ad extra, cara á realidade do noso mundo actual».