9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

Encontro de delegados de Pastoral  da Saúde das dioceses galegas

Encontro de delegados de Pastoral  da Saúde das dioceses galegas
FOTO.- Delegados de Pastoral de la Salud de Galicia en Lugo

Os delegados de Pastoral  da Saúde das dioceses galegas reuníronse este luns, 20 de xullo, co bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco, responsable desta pastoral na nosa provincia eclesiástica. Á reunión asistiu o delegado da diocese de Tui-Vigo, José Juan Sobrino Pino.

O encontro permitiu avaliar as actividades realizadas ao longo do curso pastoral que agora finaliza. Don Alfonso subliñou a importancia que ten esta pastoral específica na actualidade para transmitir a presenza próxima de Deus, non só ás persoas enfermas senón tamén ás súas familias e aos miles de profesionais sanitarios. Neste sentido, na reunión lembrouse que o acompañamento, escoita activa e a orientación é un dos roles principais do servizo relixioso hospitalario e analizouse como fortalecelos nos nosos hospitais e parroquias.

O encontro serviu tamén para preparar o novo curso 2026 – 2027. Entre outras cuestións, fixouse o sábado 17 de outubro de 2026 para ter o curso anual, que terá lugar en Vigo no Seminario Maior. Pola súa banda, o tradicional encontro de quen traballa nos nosos servizos relixiosos hospitalarios e nos das residencias de anciáns levará a cabo o luns 25 de xaneiro de 2027 e servirá para celebrar como axentes da pastoral da saúde o Ano Santo Compostelán. Oportunamente concretaranse ambas as actividades.