O domingo 22 de decembro, ás 16.00 horas, os locais parroquiais da nosa Señora do Rocío en Vigo, as delegacións de Pastoral Familiar, Migracións e Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organizan un encontro de Nadal para familias migrantes presentes na xeografía diocesana, no que haberá oportunidade para gozar de momentos de oración, formación e diversión en comunidade. Ás 20.00 horas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidirá a eucaristía.
A xornada dará comezo cunha serie de talleres para traballar en familia e elaborar, con materiais reciclados, elementos típicos deste tempo do Nadal como a coroa de Advento ou o Belén. Tras a eucaristía presidida polo bispo, os nenos e nenas que asistan escenificarán a escena máis entrañable do Nadal: o nacemento de Xesús nun pesebre en Belén. Finalmente, haberá unha cea de confraternización.
Con esta iniciativa, as delegacións de Pastoral Familiar, Migracións e Cáritas queren crear un espazo de acollida no que as persoas que se atopan nunha situación de distancia das súas familias e contornas culturais poidan expresar e vivir o Nadal en comunidade, manifestando así a riqueza e diversidade das persoas que viven no noso territorio. Para iso, durante o encontro, os asistentes poderán participar en diversos talleres para profundar no sentido do Nadal, pero tamén gozarán de momentos distendidos en familia, para coñecerse, crear comunidade e compartir expresións do Nadal típicas dos seus países de orixe.