25 de Abril de 2024

,

San Marcos
25 de Abril de 2024

,

San Marcos

Encontro de Nadal para familias migrantes da diocese de Tui-Vigo

Encontro de Nadal para familias migrantes da diocese de Tui-Vigo

O sábado 10 de decembro, ás 16 horas, no colexio de María Inmaculada, as delegacións de Pastoral Familiar, Migracións e Cáritas de Tui-Vigo organizan un encontro de Nadal baixo o lema «Abre a túa pousada ao que vén» para familias migrantes presentes na xeografía diocesana, co obxectivo de crear un espazo de acollida no que as persoas que se atopan nunha situación de distancia das súas familias e contornas culturais poidan expresar e vivir o Nadal en comunidade, manifestando así a riqueza e diversidade das persoas que viven no noso territorio.  O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidirá a eucaristía ás 18 horas no colexio María Inmaculada.

Durante a tarde, as familias que asistan poderán participar en diversos talleres para profundar no sentido do Nadal, pero tamén gozarán de momentos distendidos en familia, para coñecerse, crear comunidade e compartir expresións do Nadal típicas dos seus países de orixe.  Esta é unha experiencia de encontro iniciada en decembro de 2019, polas delegacións de Pastoral Familiar e Cáritas, pero que debido á pandemia da Covid-19, non se puido retomar ata este momento.

Ademais de responder os obxectivos pastorais establecidos no Plan Pastoral 2022-2023 das delegacións organizadoras, este encontro de Nadal enmárcase no contexto creado pola publicación do documento Orientacións sobre a pastoral migratoria intercultural, que o Dicasterio para o servido do Desenvolvemento Humano Integral da Santa Sé aprobou en marzo de 2022. Este documento lembra que «as Igrexas particulares —neste caso a diocese— están chamadas a abrirse, precisamente a causa do Evanxeo para brindar unha mellor acollida aos inmigrantes con iniciativas pastorais de encontro e diálogo, pero igualmente axudando aos fieis a superar prexuízos e suspicacias»; así mesmo, incentiva a «acoller a auténtica multiplicidade das expresións culturais e relixiosas presentes nas comunidades católicas locais, como unha oportunidade para aprender das diferentes tradicións e promover a apreciación intercultural a través dunha comunicación creativa».

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp