O sábado 18 de abril celebrarase o Encontro Diocesano de Catequistas, desde as 10.30 horas ás 17.00 horas, no Seminario Maior de Vigo.
Baixo o lema “CatequizArte” neste encontro buscarase redescubrir a beleza da misión que os catequistas teñen encomendada: catequizar é unha verdadeira arte. Unha arte que nace dos talentos que cada un recibimos e que estamos chamados a poñer ao servizo dos demais.
Cada catequista ten un xeito único de acompañar, ensinar, escoitar e transmitir a fe. Estes talentos son os que fan posible que a mensaxe de Xesús chegue ao corazón de nenos, mozos e familias. Ao longo da xornada buscarase tomar conciencia destes dons, da importancia de compartilos e de facelos crecer, sabendo que todos somos necesarios.
O encontro contará ademais este ano coa inspiradora colaboración de Agustín de la Torre e Toño Casado, quen axudarán a descubrir como a catequese se pode converter nunha arte a través do debuxo e da música. Non o perdas!