19 de Abril de 2025,
San León IX

Equipos da Nosa Señora organizou un retiro anual para matrimonios en Tui

Equipos da Nosa Señora organizou un retiro anual para matrimonios en Tui
FOTO.- Participantes en el retiro anual de Equipos de Nuestra Señora | © ENS Vigo-Pontevedra

Durante os días 22 e 23 de marzo, no colexio Maristas Santa María de Tui, unha ducia de parellas participaron no retiro anual para matrimonios que organiza o movemento Equipos da Nosa Señora (ENS) da diocese de Tui-Vigo. Nesta ocasión, o retiro foi impartido baixo a dirección do sacerdote diocesano Luís González Cedeira, párroco de Santa Lucía de Vigo e San Pedro de Sárdoma. Durante a eucaristía de clausura, as parellas puideron dar grazas polos seus cónxuxes e renovar as súas promesas matrimoniais.

José Manuel e María del Pilar, responsables do sector Vigo-Pontevedra, explican que, durante esa fin de semana, «meditamos  como Deus nos chama sempre, ao fío dese versículo da Apocalipse “estou á porta e chamo”. Isto supón ver como entra na nosa vida persoal, nas nosas circunstancias concretas, cando estamos dispostos a escoitar a súa voz. E, así, podemos tratar de descubrir que quere o Señor de cada un e tomar conciencia de que somos criaturas amadas e o seu amor é un amor entregado, porque nos regalou a vida».

Seguindo as indicacións do director espiritual do retiro, «descubrimos  que Deus nos acolle na debilidade visitando o noso sepulcro, e resucítanos con el . Isto ten que levarnos a agradecer todo o que nos deu e poñelo ao seu servizo e ao dos irmáns. Quédanos a tarefa de levalo á práctica na vida cotiá», seguindo as palabras de santo Ignacio de Loyola «en todo, amar e servir».

Tal e como explican os responsables do sector Vigo-Pontevedra, o retiro anual «é unha oportunidade única para afastarnos da rutina e conectar máis profundamente coa misión que Deus ten para nós como Igrexa e como matrimonio». O fundador de ENS, o padre Caffarel, explicaba que «de tempo en tempo a nosa fe debilítase, pero polo efecto da Palabra de Dios ela esperta, fortalécese e, de novo, adquire vida. O retiro fai posible abrirnos a nós mesmos e ao sopro da Palabra de Deus». Este retiro permite revitalizar a vida persoal e conxugal, poñendo, en primeiro plano, a Deus, que «fai máis fecundo o noso sacramento do Matrimonio, permitíndonos regresar á fonte do noso amor».