20 de Abril de 2024

,

Santa Inés de Montepulciano
20 de Abril de 2024

,

Santa Inés de Montepulciano

Escola de familias: un espazo parroquial de información, formación e reflexión para nais e pais

Escola de familias: un espazo parroquial de información, formación e reflexión para nais e pais
Foto: © Caleb Oquendo, para el banco de imágenes gratuito Pexels.

As delegacións diocesanas de Pastoral Familiar e Catequese únense para crear unha Escola de Familias co obxectivo de establecer, en cada parroquia da diocese de Tui-Vigo que así o desexe, un espazo de información, formación e reflexión sobre aspectos relacionados coas funcións parentais, é dicir, un lugar de encontro para reflexionar en grupo sobre a tarefa educativa que se realiza cos fillos e fillas.

«Non falamos de docencia nin de ensinar unha fórmula máxica, debido a que hai tantas fórmulas como fogares. Falamos de compartir, dar e recibir apoio, e aprender no camiño os uns cos outros», así o expresa o matrimonio formado por Patricia e Antonio, que está a cargo desta nova iniciativa, froito do Ano «Familia Amoris Laetitia» que o papa Francisco convocou para celebrar o 5º aniversario da publicación da súa segunda exhortación apostólica, Amoris Laetitia, que fala da alegría do amor no matrimonio e na familia.

Nesta Escola de Familias pode participar «calquera persoa que teña inquietude por mellorar no seu rol como pai, como irmán, etc., non é unha iniciativa limitada a pais con fillos. Eu diría —explica Antonio— que é unha iniciativa aberta a toda aquela persoa que teña a inquietude de vivir a súa vida familiar dunha forma máis plena en termos de apertura ao mundo, comunicación, empatía, etc.». Neste sentido, as delegacións de Pastoral Familiar e de Catequese únense para formar a pais, nais, catequistas ou calquera outra persoa interesada en traballar no ámbito da pastoral familiar desde a catequese parroquial, co dobre obxectivo de implicar ás familias na vida das comunidades parroquiais que, en moitas ocasións, só acoden á igrexa para deixar aos seus fillos e fillas na catequese, e tamén para abrir un espazo de diálogo entre pais e nais.

Na práctica, esta Escola de Familias materializarase a través dun encontro mensual nas diferentes parroquias da diocese de Tui-Vigo que queiran poñer en marcha esta iniciativa. Polo momento, xa se sumaron sete comunidades parroquiais entre as que se atopan Santa Marta de Vigo, San Xulián de Guláns ou Santa María de Salceda. Durante estas sesións nas parroquias, explican Antonio e Patricia, «como en calquera encontro con amigos ou familia, hai unha acollida na que nos poñemos ao día dos nosos principais retos como educadores dos nosos fillos» acompañados dun café e dalgunha anécdota, para profundar, máis tarde, nos tres grandes piares sobre os que se sustenta a formación da Escola de Familias: o autocoñecemento, a xestión emocional e a comunicación. 

Para poder abrir e moderar ese dialogo cos pais e nais, aínda no medio dun contexto informal, o vindeiro sábado, 15 de outubro, de 10:30 a 13 horas no Seminario Maior de Vigo, haberá unha xornada de formación e orientación para aquelas persoas, sexan ou non matrimonios, que están interesadas en participar como voluntarias, formando e acompañando ás familias que acudan a cada unha das sedes desta Escola de Familias. Para asistir a esta xornada de formación é necesario inscribirse a través do correo electrónico pfamiliar@diocesetuivigo.org.

Desde as delegacións de Catequeses e Pastoral Familiar, remarcan o dobre carácter comunitario de cada unha destas «escolas de familias»: por unha banda, diocesano, xa que serán as delegacións as encargadas de acompañar e formar a todas aquelas parroquias interesadas nesta formación para familias; e, por outra banda, parroquial, pois as familias interesadas en asistir a estes encontros mensuais deberán facerse nas súas parroquias de orixe. En definitiva, trátase dun proxecto para toda a Igrexa diocesana que queira afianzar a pastoral familiar no seu ámbito concreto.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp