A chancelaría da Diocese de Tui-Vigo pon ao dispor de todos os sacerdotes diocesanos os formularios para poder realizar a estatística parroquial que será enviada á Conferencia Episcopal Española para a súa posterior publicación na revista xTantos, no mes de novembro, coincidindo co Día da Igrexa Diocesana. Os formularios poden descargarse a través da Intranet.
Os formularios, debidamente cumprimentados, deberán enviarse antes do 31 de xaneiro mediante correo postal —Cancillería-Secretaría Xeral. Dr Corbal 90. 36207. Vigo— ou a través do seguinte correo electrónico: canciller@diocesetuivigo.org. No caso de envialo telemáticamente, o formulario deberá estar asinado polo párroco, acompañando a sinatura co selo da parroquia.
Desde a Conferencia Episcopal Española renovouse en 2018 o acordo de colaboración coa ONG Transparencia Internacional España, co obxectivo de responder «á demanda crecente de información por parte da sociedade sobre as actividades da igrexa, e ás esixencias de transparencia vixentes»; polo que, cada ano, as Dioceses españolas están obrigadas a presentar non só as contas económicas de ingresos e gastos, senón tamén as estatísticas que permitan coñecer a realidade eclesiástica no campo da evanxelización, da vivencia da fe e do exercicio da caridade. Tanto os datos económicos como os estatísticos, poden consultarse na web da Diocese de Tui-Vigo no apartado de “Transparencia”, na revista xTantos e no portal de transparencia Conferencia Episcopal Española, que cada ano elabora unha Memoria Anual de Actividades que recolle as accións realizadas a nivel nacional.