O sábado 27 de setembro, ás 10.30 horas, o Seminario Maior «San Xosé» en Vigo acolle a primeira reunión constitutiva do novo Consello Diocesano de Pastoral, un órgano que reflicte a realidade da diocese e que axuda ao bispo en todo o referente á tarefa evanxelizadora. Este ano celébrase o 30 aniversario da constitución, baixo a presidencia do bispo monseñor José Cerviño, do primeiro Consello de Pastoral, que desde entón veu funcionando de forma continuada, renovándose cada catro anos ou cando se produce un cambio na sede episcopal.
O Consello diocesano de Pastoral está conformado por 44 persoas: 15 sacerdotes e 29 segrares, dos cales, 20 son mulleres. Entre os membros convén distinguir entre: os membros natos polo cargo que ostentan —a presidencia, por exemplo, corresponde ao bispo—; os membros elixidos, que proveñen de diferentes realidades —asociacións e movementos laicais que traballan na diocese, así como representantes dos diferentes arciprestados—; e membros de libre designación episcopal, que poden achegar unha visión distinta ou diferente.
Durante esta primeira reunión constitutiva, levarase a cabo a elección dos membros da Comisión Permanente, así como do secretario. Despois, daranse a coñecer as liñas de acción do novo Plan Pastoral para o curso 2025-2026, no que estivo traballando o anterior consello. Como xa anunciou o vigairo de Pastoral, José Vidal, nunha entrevista emitida o pasado domingo no programa de COPE Igrexa Noticia de Tui-Vigo, este plan presentarase oficialmente a finais do mes de outubro en diferentes zonas do territorio diocesano.