Do 22 ao 24 de novembro, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo, a delegación diocesana de Pastoral Xuvenil e Universitaria organiza unha pequena quenda de exercicios espirituais para mozos e mozas, a cargo do sacerdote Ángel Carnicero, delegado de Pastoral Vocacional e formador do Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago». O custo da inscrición é de 35 euros por persoa, que inclúe aloxamento e comida desde o venres á noite ata o domingo ao mediodía; as persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do número de teléfono 672 11 90 39.
Esta quenda de exercicios espirituais baseados no método de san Ignacio de Loyola ofrece un espazo para profundar e enriquecer a relación con Deus, mediante a oración e a lectura da Biblia. A delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria explica que, en definitiva, trátase dun momento de silencio afastado dos ruídos exteriores, que pode axudar aos mozos e mozas para prepararse para vivir o tempo de Advento con maior intensidade, para a celebración do Nadal —o retiro coincide coa celebración da solemnidade de Cristo Rei, que marca o fin do ano litúrxico e o inicio do Advento—.