18 de Marzo de 2025,
San Cirilo de Jerusalén,

Experimenta a esperanza coa vida contemplativa da diocese de Tui-Vigo

Experimenta a esperanza coa vida contemplativa da diocese de Tui-Vigo

Durante os domingos de Coresma —tempo previo á Semana Santa que dá comezo co Mércores de Cinza, que este ano se celebrou o 5 de marzo—, a delegación diocesana para a Vida Consagrada organiza un «roteiro orante» polos seis mosteiros de vida contemplativa da diocese de Tui-Vigo, co fin de dar a coñecer a beleza e a alegría de quen optou por dedicar a súa vida á contemplación.

Desde o domingo 9 de marzo e ata o 13 de abril, os diferentes mosteiros acollerán estes encontros que comezarán ás 18.00 horas, cun pequeno testemuño e un intre de oración. Tamén haberá oportunidade de rezar vésperas coa comunidade de relixiosas.

  • O 9 de marzo, no mosteiro da Virxe do Carme e San Xosé, das carmelitas descalzas de Sabarís. 
  • O 16 de marzo, no mosteiro da Transfiguración do Señor, das beneditinas de Trasmañó.
  • O 23 de marzo, no mosteiro de San Xosé, das carmelitas descalzas do Rosal.
  • O 30 de marzo, no mosteiro da Visitación de Santa María, das salesas de Vigo.
  • O 6 de abril, no mosteiro das Irmás de Santa María de la Concepción, das Clarisas de Tui.
  • O 13 de abril, no mosteiro da Anunciada das dominicas de Baiona. 

Nesta ocasión, a iniciativa consta dun itinerario para profundar na bula de convocatoria do Ano Xubilar 2025, que o papa Francisco publicou baixo o título «A esperanza non defrauda». En cada encontro, compartirase un testemuño de diferentes colectivos que, como expresa o santo pai durante a bula, son signos de esperanza no medio do mundo actual: familias, persoas privadas de liberdade, enfermos, mozos, migrantes e anciáns. A delegación para a Vida Consagrada da diocese de Tui-Vigo convida a todos os fieis a experimentar a esperanza, como peregrinos acompañados por quen consagrou a súa vida á contemplación.