No día de onte faleceu no Hospital Álvaro Cunqueiro, aos 86 anos de idade, o sacerdote Avelino Rodríguez Fernández, que foi durante 40 anos párroco de santa Mariña de Cabral. O seu corpo será trasladado ao tanatorio de Guillarei a partir das 4 da tarde do mércores día 11 de xaneiro; ás 16,30 do xoves día 12 celebrarase a misa exequial na súa parroquia natal de santo Bartolomeu de Rebordáns (Tui) e o sábado día 14 ás 12 da mañá celebrarase o seu funeral na parroquia de santa Mariña de Cabral.
Don Avelino como era coñecido habitualmente, nacera en Rebordáns o 23 de decembro de 1936 e foi ordenado sacerdote en Vigo hai 62 anos, corenta dos cales os dedicou a atender aos fieis da parroquia viguesa de Cabral na que é moi querido pola súa proximidade e espírito de servizo. Os primeiros pasos do seu ministerio sacerdotal levar a cabo na zona de Ponteareas como ecónomo de Fontenla e vigairo parroquial da vila pontareana, na que foi profesor de relixión no colexio Santiago Apóstolo (1966). Desde esa data atendeu tamén durante tempadas as parroquias de Guillade , Uma Vilacoba e santo Lorenzo de Oliveira ás que se agregaría (1973) santa Baia de Batalláns e temporalmente (1977) Vilasobroso e Cumiar, mentres exercía á vez como formador relixioso (1976) no Centro Nacional de FP de Ponteareas. En 1982 chegou como encargado á viguesa parroquia de santa Mariña de Cabral e como profesor de relixión ao Instituto de FP do Meixoeiro, no que permaneceu sendo moi estimado polo claustro ata a súa xubilación da docencia. A partir do ano 2002 foi tamén durante varios anos capelán de Vigo Memorial. Descanse en paz este sacerdote sinxelo, amable e moi servizal.