10 de Outubro de 2024

,

Santo Tomás de Villanueva
10 de Outubro de 2024

,

Santo Tomás de Villanueva

Faleceu Mons. José Diéguez Reboredo, bispo emérito da diocese de Tui-Vigo

Faleceu Mons. José Diéguez Reboredo, bispo emérito da diocese de Tui-Vigo

Á primeira hora da tarde do 18 de xullo do Ano Santo Compostelán 2022, terminada a súa peregrinación temporal, faleceu en Santiago de Compostela o bispo Emérito de Tui-Vigo, Mons.  José Diéguez Reboredo, que pastoreó esta diocese desde xullo de 1996 ao 28 de xaneiro de 2010. Actualmente axudaba como capelán das Hermanitas dos Anciáns Desamparados en Santiago de Compostela. Hai uns días sufriu un derrame cerebral e houbo de ser hospitalizado de urxencia. Descanse en paz o sinxelo e humilde servidor do pobo fiel.

Mons. Diéguez será velado no Tanatorio de Boisaca en Santiago de Compostela e o mércores día 20 ás 16,30 celebrarase a misa de corpore in sepulto na capela das Hermanitas dos Anciáns Desamparados, ás que estivo a atender ata a súa enfermidade. Seguidamente será enterrado no cemiterio da parroquia de Enquerentes. Os funerais na diocese de Tui-Vigo terán lugar o mércores día 27, ás 17 horas na catedral de Tui e ao día seguinte, na concatedral viguesa ás 18 horas.

Biografía

Don José Diéguez Reboredo naceu en San Miguel de Enquerentes, A Coruña, o 25 de abril de 1934, membro dunha familia numerosa.

A idade temperá, ingresou no Seminario Menor de Santiago de Compostela. Terminados os seus estudos neste, pasou ao Seminario Maior, sendo ordenado Presbítero polo Cardeal Quiroga Palacios o 13 de agosto de 1961.

Posteriormente perfeccionou os seus estudos eclesiásticos en Salamanca, e máis tarde licenciouse en Ciencias Exactas na Universidade Compostelá. Foi Coadxutor (Vigairo Parroquial) da Parroquia coruñesa de San Xosé, pasando máis tarde ao Seminario Menor, onde desempeñou o cargo de Director Espiritual e, posteriormente, Profesor de Matemáticas.

Mons. Suquía, Arcebispo de Santiago, nomeouno Pro-Vigairo Xeral; e no 1983, Cóengo da Basílica Metropolitana.

O día 1 de setembro de 1984 foi nomeado Bispo de Osma-Soria, sendo consagrado en Burgo de Osma o 28 de outubro do mesmo ano.

O 14 de maio de 1987 fíxose público o seu nomeamento como Bispo de Ourense, tomando posesión solemne o 27 de xuño seguinte.

Con data 7 de xuño de 1996 o Beato Xoán Paulo II nomeouno Bispo de Tui-Vigo, Sede que estaba vacante por ter aceptado o Romano Pontífice a renuncia presentada por Mons. José Cerviño Cerviño ao haber acadado a idade canónica.

Mons. Diéguez Reboredo tomou posesión da Diocese de Tui-Vigo na Catedral de Tui, o domingo 14 de xullo de 1996; e fixo a súa entrada na Concatedral e presentación na cidade de Vigo o venres seguinte, 19 de xullo.

Foi Bispo Emérito de Tui-Vigo dende o 28 de xaneiro 2010.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp