O pasado 22 de decembro, os locais parroquiais da nosa Señora do Rocío en Vigo acolleron a familias que, desde diferentes partes do mundo, emigraron ata a xeografía da diocese de Tui-Vigo, para celebrar, en comunidade, o Nadal. A xornada deu comezo cunha serie de talleres para traballar en familia e elaborar, con materiais reciclados, elementos típicos deste tempo do Nadal como a coroa de Advento ou o Belén.
O bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a eucaristía no templo parroquial do Rocío e, nesas datas próximas ao Nadal, lembrou que: «o que queremos no Nadal é que ese Deus que espera por min e vén salvarme a min, visítenos e énchanos o corazón, para así transformar a nosa vida». Para recibir a ese Deus que sae ao encontro do home, o prelado tudense destacou dúas actitudes imprescindibles: «mirarnos a nós mesmos» e «saír ao encontro do irmán», porque «El espera atoparse connosco, enchernos de alegría e que este mundo cambie. Non esquezades isto, o Nadal sempre é con Deus e cos irmáns».
Tras a celebración, nenos e nenas escenificaron a escena máis entrañable do Nadal: o nacemento de Xesús nun presebe en Belén; os pequenos tamén recibiron algúns agasallos de Nadal, grazas á xenerosidade de quen quixo colaborar con esta iniciativa promovida pola delegación de Migracións, a través do roupeiro migrante de Santo Tomei de Freixeiro. Finalmente, houbo unha cea de confraternización.
Con esta iniciativa, as delegacións de Pastoral Familiar, Migracións e Cáritas quixeron crear un espazo de acollida no que as persoas que se atopan nunha situación de distancia das súas familias e contornas culturais poidan expresar e vivir o Nadal en comunidade, manifestando así a riqueza e diversidade das persoas que viven no noso territorio. Para iso, durante o encontro, os asistentes puideron participar en diversos talleres para profundar no sentido do Nadal, pero tamén gozaron de momentos distendidos en familia, para coñecerse, crear comunidade e compartir expresións do Nadal típicas dos seus países de orixe.