A vida de Fernando Giménez Barriocanal (Madrid, 1967) está vinculada á Conferencia Episcopal Española, onde comezou hai trinta anos como secretario técnico da Xerencia. Desde entón, o actual vicesecretario para Asuntos Económicos da CEE e tamén profesor titular da Universidade Autónoma de Madrid impulsou a transparencia económica e desmontou os mitos máis estendidos sobre o financiamento da Igrexa.
Din que, en economía, o que non son contas son contos…
Os números da Igrexa están aí para calquera que queira achegarse. Desde 2007 e coa entrada en vigor do novo sistema de asignación tributaria, a Igrexa católica non recibe un euro dos Orzamentos Xerais do Estado nin ten dotación estatal algunha. O seu financiamento provén, na súa gran maioría, das achegas voluntarias dos fieis e persoas de boa vontade (subscricións periódicas, colectas, legados, herdanzas…).
Non é un privilexio a casa da Igrexa na declaración da renda?
A Igrexa católica é a única institución en España que se somete a un plebiscito anual á hora de facer a declaración da renda. Se ninguén marcase a casa 105, a Igrexa recibiría cero euros. Mentres o Estado financia de maneira directa un gran conxunto de actividades e servizos ao entender que xeran un valor social, como o deporte, o cinema ou a cultura, neste caso os contribuíntes poden decidir que o 0,7% dos seus impostos vaian destinados a financiar a actividade dunha institución —a Igrexa católica— cuxa presenza en todo o territorio resulta crucial para millóns de persoas. A asignación tributaria non é ningún privilexio, senón o desenvolvemento dos principios de colaboración do Estado coa Igrexa.
Que supoñen os ingresos procedentes da asignación tributaria?
Os resultados dese plebiscito anual que mencionaba son, en primeiro lugar, un motivo de profundo agradecemento. Que máis de 8,5 millóns de persoas decidan marcar libremente a casa da Igrexa porque confían no seu fecundo labor, sempre cunha man tendida para o que o necesita, supón unha gran satisfacción. Desde o punto de vista económico, os ingresos procedentes da asignación tributaria supoñen unha media do 22% do financiamento das dioceses, polo que ese sinxelo xesto de marcar a casa da Igrexa é fundamental.
Que ocorrería se a Igrexa pechase un día as súas portas? Hai quen apunta que o Estado colapsaría
A Igrexa en España son 70 diocese, case 23.000 parroquias, nove mil centros sociais, toda a rede de Cáritas… O rostro real da Igrexa é o de 16.100 sacerdotes, 34.400 relixiosas e relixiosos, miles de voluntarios, catequistas, etc., que están a dar a súa vida para axudar aos máis necesitados, tanto nas grandes cidades como nos pobos e localidades remotas. Todos eles ofrecen a mensaxe de esperanza do evanxeo, unha boa noticia que, só nos centros caritativo-asistenciais, permite axudar a preto de catro millóns de persoas ao ano.
Cal é o perfil dos beneficiarios?
Hai persoas de todo tipo e condición. A todas aténdeselles sen preguntar previamente que relixión profesan e se van a misa. Para a Igrexa todo home ten a dignidade de «fillo de Deus» e no rostro do máis necesitado encárnase Cristo mesmo. Por iso dóeme, a título persoal, cando se quere presentar á Igrexa cun rostro que non reflicte en absoluto o que é e o que supón para a sociedade.
É boa xestora a Igrexa? Se nos guiamos pola confianza que mostran os contribuíntes, parece que si…
Cabe lembrar un dato elocuente. E é que, tras calcular o impacto das doazóns que recibe a Igrexa, estudos independentes puideron determinar que cada euro retorna á sociedade multiplicado por dúas e medio. A colaboración público-privada resulta esencial. Hai que seguir traballando con altura de mira, tendendo pontes e ao servizo do ben común.