19 de Novembro de 2026,
San Abdías

Fin de semana de formación dos axentes de Pastoral Familiar

Fin de semana de formación dos axentes de Pastoral Familiar
FOTO.- Asistentes al VI Encuentro de Agentes de Pastoral Familiar de Galicia

Entre o 17 e o 18 de outubro de 2026, máis de sesenta persoas participaron no VIN Encontro de Formación de Axentes de Pastoral Familiar de Galicia, que as cinco dioceses galegas organizaron no mosteiro de San Xoán de Poio (Pontevedra), baixo o lema «Poñamos os pés na terra». Durante esa fin de semana, os asistentes puideron reflexionar sobre os retos e as dificultades que se atopan os matrimonios e as familias nunha sociedade que, en boa medida, prioriza a inmediatez e o temor ao compromiso.

Na sesión matinal do sábado, a mediadora e directora do Instituto Coincidir, Mercedes Honrubia, proporcionou pistas e exemplos prácticos para acompañar aos matrimonios en dificultades. Fixo fincapé nos elementos que debe ter o proxecto en común que cada matrimonio ha de elaborar desde o momento en que se dan un si definitivo e comezan unha historia xuntos. Honrubia presentou os aspectos máis característicos das crises que vive toda persoa (evolutivas, externas, internas e a fatídica morte súbita, que é o momento en que un dos membros do matrimonio anuncia que dá por rota a relación sen existir un aviso previo). Comparou o matrimonio a un equipo de rugby e destacou que nel deben prevalecer os valores da humildade, o respecto mutuo, a superación das dificultades e o compromiso. Por último, resumiu as claves do éxito matrimonial en cinco “c”: comunicación veraz e honesta, confianza para falar de todo, coordinación dos valores e fortalezas de cada un, complementariedade e compromiso.

Pola tarde a psicopedagoga e asesora familiar, Blanca Elía, presidenta da asociación Dálle unha Volta, analizou o dano psicolóxico e afectivo que está a provocar a adicción ao porno en nenos, mozos e adultos. Avogou por unha sexualidade sa e respectuosa coa dignidade das persoas. Para iso aposta por darlle á sexualidade un enfoque positivo, ofrecéndolle aos nenos e mozos unha información completa sobre todas as súas dimensións (afectiva, relacional, psicolóxica, espiritual). Presentou os sinais de alarma para detectar cando unha persoa é adicta ao porno e desenvolveu doce “vacinas” contra esta adicción.

A sesión do domingo estivo a cargo de Inma  Tombilla, secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, que mostrou un catálogo de boas prácticas para a detección e o acompañamento dos matrimonios en crises. Tamén, prestou atención ao reto que supón integrar ás familias migrantes.

Esta fin de semana de formación, clausurouse coa celebración da eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.

Encuentro de Agentes de Pastoral Familiar de Galicia (2026)