O próximo 29 de setembro, coincidindo coa Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado, que a Igrexa celebra baixo o lema «Deus camiña co seu pobo», o sacerdote dominico, xornalista, influencer e exconcursante de Master Chef, frei Marcos J. García S. OP, participará no encontro que organiza a delegación de Migracións da diocese de Tui-Vigo, dirixido especialmente para persoas procedentes doutros países. A xornada desenvolverase no colexio vigués San Xosé de Cluny, a partir das 10.30 horas.
«Boa nova de predicación, en predicocinando» é o título da charla que impartirá frei Marcos durante a xornada, á que tamén asistirá o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés, que ás 12.30 horas presidirá a eucaristía na capela do colexio. Os participantes non só terán a oportunidade de dialogar co relator e o prelado tudense, senón que está previsto un “bingo migrante” para persoas de todas as idades.
Os interesados en participar poden inscribirse a través da seguinte ligazón. A inscrición, que inclúe a comida, ten un custo individual de 5 euros —para os menores de 12 anos é gratuíto—. A delegación convida as persoas a levar unha sobremesa típica do seu país de orixe para compartir e lembra que a cuestión económica non ha de ser un impedimento para participar. Para máis información poden poñerse en contacto a través do número de teléfono: 606 66 77 77.
Ata o momento, xa se rexistraron persoas de 13 nacionalidades diferentes o que mostra, segundo a delegación diocesana de Migracións, a crecente diversidade e riqueza cultural da cidade olívica, así como a súa capacidade para acoller a persoas de todo o mundo; ademais, pon de manifesto o interese por este tipo de iniciativas entre a poboación migrante. Entre os países representados destacan: Arxentina, Quenia, México, Venezuela, Colombia, Perú, Ecuador, Guatemala, República Dominicana, Honduras, O Salvador, Paraguai e España.