O pasado domingo, 8 de maio, solemnidade do Bo Pastor, a secretaría diocesana para o Sínodo dos Bispos de 2023 «Por unha Igrexa Sinodal: comuñón, participación e misión» celebrou o acto de clausura desta primeira fase de consulta diocesana, no que se presentou a síntese coas achegas enviadas polos diferentes grupos sinodais que serán enviadas o próximo 15 de maio á Conferencia Episcopal Española e, desde aí, a Roma.
Durante a xornada, ademais de presentar o compendio de conclusións que posteriormente se enviará á Conferencia Episcopal Española —e, a partir de aí, faranse chegar a Roma—, tamén presentou brevemente a realidade sinodal da diocese que se traduce nun total de 69 grupos sinodais, que suman 736 persoas de diferentes realidades do territorio diocesano desde parroquias de cidade e rurais, pasando por grupos de migrantes, movementos e asociacións, ata relixiosas de vida contemplativa que quixeron poñer o seu granito de area desde a súa realidade concreta, coa oración e o traballo diario. A fase de consulta diocesana inaugurouse o 17 de outubro de 2021, en toda a Igrexa universal. Na nosa diocese, contou coa celebración dunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, na que se entrego o documento de traballo elaborado pola secretaría diocesana para os diferentes grupos. Durante a celebración, o prelado de Tui-Vigo alentou a todos os diocesanos e diocesanas a lembrar a verdadeira misión da Igrexa: camiñar xuntos como Igrexa diocesana, capaz de espertar a vocación cristiá coa axuda do Espírito Santo