16 de Xaneiro de 2025,
San Marcelo I

Gorros para os mariñeiros que están lonxe das súas casas no Nadal

Gorros para os mariñeiros que están lonxe das súas casas no Nadal

Co obxectivo de contribuír ao benestar dos mariñeiros en colaboración coas empresas armadoras e as institucións portuarias, a delegación de Stella Maris da diocese de Tui-Vigo puxo en marcha a campaña «Gorros que non só abrigan». Mediante esta iniciativa convidan a persoas particulares, a parroquias, a centros de maiores e a todas aquelas institucións que queiran colaborar, a calcetar gorros para regalar durante este Nadal aos mariñeiros que están lonxe das súas casas.

O 15 de decembro finaliza o prazo para entregar os gorros calcetados. As persoas que desexen colaborar poden poñerse en contacto coa delegación a través dos seguintes números de teléfono: 986 202 944 e 696 145 154.

En anos anteriores, grazas á colaboración de voluntarios, da Autoridade Portuaria de Vigo e de empresas do sector privado, Stella Maris conseguiu, mediante a repartición de caixas de produtos do Nadal e gorros calcetados a mans, dulcificar a situación de illamento e ausencia familiar de 80 mariñeiros da frota de altura cuxos barcos arribaron en Vigo durante as datas festivas.