Na quinta semana da campaña #HazMemoria, a que a Conferencia Episcopal Española puxo en marcha xunto cos medios de comunicación Ecclesia, Trece e COPE, o contido céntrase na presenza dos sacramentos na vida dos cristiáns.
A liturxia sacramental
A Igrexa está presente nos momentos máis importantes da nosa vida: bautizos, comuñóns, confirmacións, matrimonios, funerais. Sempre acompañando, iluminando cos sacramentos. A Igrexa, por medio do anuncio da Palabra e a celebración dos sacramentos impúlsanos a realizar a misión á que fomos chamados. Desta maneira, suscita no corazón dos cristiáns a alegría do evanxeo.
Unha Igrexa que celebra
“Facede isto en conmemoración miña”. Estas palabras de Xesús na Última Cea dan orixe a dous dos sacramentos da Igrexa: a eucaristía e a orde sacerdotal. Xesús pide que esa celebración se faga nova na vida da Igrexa, en cada momento. Confía esa misión aos apóstolos e aos seus sucesores. A Igrexa celebra a presenza de Xesús viva, activa e actual, na Igrexa, nas súas persoas, nas súas accións. Xesús non é un personaxe do que se fala senón unha persoa coa que se fala.
Os sete sacramentos da Igrexa son, xunto á oración, o leito ordinario da graza, o medio polo que chega a cada cristián a axuda que Deus nos dá para cumprir a misión que nos confiou. Da mesma forma que hai acontecementos na vida das persoas que marcan toda a existencia, a vida cristiá ten tamén uns acontecementos especiais que a marcan de maneira definitiva.
Así, do mesmo xeito que as persoas nacen á vida, co sacramento do bautismo os cristiáns incorporámonos á Igrexa e comeza esa vida cristiá. Do mesmo xeito que as persoas se alimentan e procuran o fortalecemento do seu corpo, a vida cristiá aliméntase na eucaristía e fortalécese na confirmación. O tratamento para a enfermidade ou a axuda nos momentos finais da vida equipárase aos sacramentos da reconciliación e a unción dos enfermos. O amor e o compromiso cos demais que se vive na vida teñen o seu reflexo no matrimonio e a orde sacerdotal, na vida cristiá.
- A fe que foi anunciada é tamén celebrada pola comunidade cristiá.
- A celebración da Igrexa fai visible ao Pobo de Deus, constitúeo, fortaléceo, aliméntao e sándao.
- En cada celebración da Igrexa, a asemblea que celebra é a comunidade dos bautizados.
- Os sacramentos da Igrexa corresponden aos momentos importantes da vida do cristián: danlle orixe, aliméntana, cúrana e impúlsana ao servizo dos demais.
- A celebración cristiá non só supón a fe, tamén a fortalece, acrecéntaa e exprésaa con palabras e accións.
- Centenares de festas e lugares sagrados, ademais de expresións da relixiosidade popular teñen a súa orixe e centro na vida
- O froito da vida sacramental é á vez persoal e eclesial. Cada cristián sostense na fe pola celebración cristiá.
- Ao mesmo tempo, a celebración cristiá fai a Igrexa, constrúea.
- A caridade é unha fonte inmensa de apostolado.
- As obras de misericordia expresan as accións concretas nas que en todos os tempos pode facerse visible a identidade cristiá.
A fe celebrada
Esta fe celebrada é a fe que foi anunciada polos catequistas, as obras relixiosas, os sacerdotes, os misioneiros. En cada unha das súas chamadas convocan á celebración da comunidade cristiá, e nesa celebración faise visible o pobo de Deus, reunido en torno ao altar para compartir a fe.
De feito, esta celebración do misterio cristián ten dúas consecuencias. Por unha banda, sostén a vida do cristián e a identidade da Igrexa. Díxose que a eucaristía edifica a Igrexa, e a Igrexa celebra a eucaristía. Cada persoa, cada parroquia, cada comunidade, cada misión, cada obra da Igrexa edifícase, sostense na eucaristía.
Ao mesmo tempo, a celebración impulsa a vida e o compromiso dos cristiáns que están chamados a dar testemuño do que viven e do que celebran. O envío final da eucaristía e de todos os sacramentos, o ide, é un mandato para unha misión. Na celebración da Igrexa o cristián queda comprometido cun envío misioneiro.
Case dez millóns de persoas celebran con regularidade a eucaristía e os outros sacramentos da vida cristiá. Moitos outros teñen na celebración da Igrexa o referente da súa vida relixiosa. A esa celebración dedícanse sacerdotes e relixiosos cun compromiso completo da súa vida, conscientes de que esa celebración sostén a Igrexa.
España enteira, en cada lugar, en cada pobo, ten o seu lugar de celebración, ata o punto de que en boa parte do país o lugar máis coñecido e máis recoñecido é o lugar da celebración cristiá: a parroquia, a basílica, a ermida, a catedral.