23 de Xaneiro de 2025,
San Ildefonso

HC Santo Rafael cumpre 80 anos como referente na asistencia a persoas con discapacidade intelectual

HC Santo Rafael cumpre 80 anos como referente na asistencia a persoas con discapacidade intelectual
Foto: El obispo de Tui-Vigo presidió la eucaristía con motivo del 80 aniversario del HC San Rafael de Vigo.

Co obxectivo de conmemorar o seu 80 aniversario, o xoves, 16 de novembro, o Fogar e Clínica Santo Rafael de Vigo celebrou un acto para persoas usuarias e colaboradores, que contou tamén coa presenza de diferentes autoridades civís e eclesiásticas, entre elas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, que presidiu a eucaristía coa que daban comezo os actos. Previamente, á primeira hora da mañá, celebrouse unha misa na sala da Enfermería, en presenza dos 12 nenos ingresados nese momento.

Finalizada a celebración presidida polo prelado tudense, o director xerente de HC Santo Rafael, Diego Viñas, agradeceu a todos os asistentes a súa presenza e destacou que «para todos os que formamos parte da gran familia do centro é un orgullo poder celebrar que levamos 80 anos dando resposta ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual e que a día de hoxe seguimos prestándolles unha atención integral ao longo de todo o ciclo vital, desde a atención temperá a menores de 3 anos ata o coidado na terceira idade, pasando por toda a súa etapa formativa e de integración sociolaboral».

Tras os discursos institucionais, procedeuse a apagar as velas dunha torta conmemorativa e todos os asistentes gozaron dun aperitivo.

O 29 de agosto de 1943, inaugurouse o Fogar e Clínica Santo Rafael en Vigo. Despois de 80 anos, o centro creceu exponencialmente e converteuse nunha referencia na prestación de servizos de carácter asistencial na provincia de Pontevedra. Actualmente, atende a máis de 200  persoas con discapacidade intelectual de niveis medios e lixeiros e a súa área de rehabilitación dá servizo a unha media de 500 pacientes ao mes.