14 de Maio de 2026,
San Matías

Homilía do Sr. Bispo na misa exequial de José Manuel Cabo Peláez, delegado diocesano de Pastoral Familiar

Homilía do Sr. Bispo na misa exequial de José Manuel Cabo Peláez, delegado diocesano de Pastoral Familiar
Funeral de D. José Manuel Cabo Peláez, delegado diocesano de Pastoral Familiar

No día a día, en moitas ocasión, somos sorprendidos polo que a vida nos vai poñendo diante: problemas, dificultades, retos, e tantas situacións que nos sobrepasan. Pero cando chega a morte e peta na nosa existencia, vémonos superados sempre: a morte chega sen avisar, descoloca, destrúe plans de futuro, e deixa unha sensación de gran impotencia, e agora que? Que significa todo isto? Paga a pena vivir? Por que? Por que?!

            E temos que recoñecer que non hai palabras que respondan dun xeito sereno. No hai palabras que expresen todo o que nos gustaría e o que sentimos e sen embargo, nós, os seguidores de Xesús de Nazaré, Aquel que pasou polo mundo facendo o ben, que morreu e resucitou, queremos escoitar e proclamar unha palabra de esperanza: non estamos sós, podemos confiar, todo e todos estamos nas mans do Deus que nos quere e acompaña, que se fai cercano e que nos entende.

            Hoxe sentímonos como os discípulos de Emaús: parece como se as nosas seguridades se viñeran abaixo, imos desconcertados, pensando en todo isto. E nesta situación, tamén hoxe, un Descoñecido -anque para nós non o é tanto- sae ao noso encontro, acompáñanos coa súa Palabra que fai quentar o corazón, fai camiño connosco cunha doce e infinita paciencia, e parte para nós o pan que dá novos folgos e nos alimenta de esperanza. Hoxe, decímoslle a ese Acompañante, quédate connosco: na nosa desilusión, na nosa incomprensión, neste desalento. E decímosllo confiando en que a súa presenza nos dá serenidade e nos fai entender que El é a vida, e que precisamos compartir isto e o resto da nosa existencia coa comunidade de irmás e irmáns. E por isto somos capaces de rezar desde o fondo do corazón: “Loade ao Señor porque é bo, porque o seu amor é eterno. Na aflicción invoco ao Señor, e El escóitame e líbrame. O Señor é a miña forza, o meu cantar, El é a miña salvación”.

            Neste momento, queremos facer memoria do vivido con Jose e o compartido con el, aínda que recordalo provoque dor. Son moitos recordos, moitas vivencias, moitos soños e esperanzas, moitas cousas boas compartidas en familia, cos amigos e con tantos en tantas actividades pastorais Todos coa intención de sementar vida, crear familia, co mesmo estilo do Mestre Xesús. Nesta mañá ten que ser un recordo fermoso, e un recordo agradecido.  Todo o que vivimos e somos é un regalo: a vida, as persoas, a amistade, a fe, o compromiso Cando miramos atrás e recordamos todo, ata o menos bo, ata o malo podemos sentirnos agradecidos. Hoxe queremos deixarnos empapar de acción de grazas: grazas a Jose, pola pegada que deixa en nós, e por todo canto vivimos xuntos, polo seu estilo, polo que foi e nos transmitiu. E grazas a Deus porque lle deu a vida, e fixo que nos encontrarámos con el, compartindo tantos momentos. Grazas a Deus porque nos invita a coñecelo, recoñecelo, amalo e seguilo con confianza sabendo que El é a vida e nos chama a vivir para sempre.

            O noso agradecemento quere facerse oración confiada: poñemos a vida de Jose nas mans de Deus; a nosa dor, asombro e desconcerto no seu corazón. E facémolo con confianza, sabendo que El sempre fai arder de novo as nosas ilusións e nos alimenta co seu amor feito pan.

            Somos comunidade de crentes e xuntos, proclamamos cos discípulos: “É certo, o Señor resucitou”. Non podemos calar, nin podemos perder a esperanza. É certo, o Señor resucitou; e vainos resucitando a todos pouco a pouco.

            Señor, acolle a Jose, resucítao na Vida para sempre; resucita as nosas inquedanzas e corazóns fráxiles, as nosas ilusións e esperanzas; resucita os nosos sentimentos confiamos en Ti, para poder decir con fe: este é o día en que obra o Señor, relouquemos e alegrémonos nel () loade o Señor porque é bo, porque o Seu Amor é eterno.

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo