14 de Maio de 2026,
San Matías

Homilía do Sr. Obispo na solemnidade de San Telmo

Homilía do Sr. Obispo na solemnidade de San Telmo

Saúdos cordiais aos irmáns bispos que nos acompañan desde as dioceses irmás de Galicia (Lugo e Ourense) ata a diocese de Palencia; tamén ao Arcebispo emérito de Tánxer.

Saúdos cordiais ao Vicario Xeral da Diocese de Braga, que nos acompaña representando ao Arcebispo e Bispos auxiliares daquela Igrexa

Saúdos aos membros do Cabido catedralicio e aos sacerdotes que nos acompañades

Saúdos ao Sr. Alcalde, Oferente neste ano, e membros da Corporación tudense; ás autoridades civís, militares

Saúdos aos Membros da Confraría de san Telmo

A todas e todos, un saúdo cordial.

Feliz Pascua! Feliz festa de San Telmo! A nosa cidade, e con ela toda a Igrexa particular que camiña en Tui-Vigo, celebra con gozo ao noso patrón, o venerable Pedro González Telmo, e facémolo este ano, no contexto da celebración do VIII Centenario da nosa Igrexa catedral; desde logo, non nos faltan motivos para celebrar.

Acóllennos estes muros que foron consagrados hai xa 800 anos, e que acompañaron á veciñanza de Tui e a toda a diocese, no camiño de vida e de fe, axudándonos a sermos pedras vivas nesta Igrexa diocesana, nunha historia de amor e de fe, única e ben fermosa. Cando nos achegamos a esta Catedral non só miramos ao pasado, a unha historia de evanxeo centenaria, na que como figura senlleira está Pedro Glez Telmo, senón que miramos ao futuro, porque a historia obríganos a coller a herdanza recibida e seguir sementando, facendo realidade promesas de futuro.

Tócanos navegar nunha sociedade e Igrexa que atravesa un feixe de tempestades: a fráxil paz que vivimos, pendente de fíos febles e de decisións incomprensibles, a situación de tantas persoas que viven en permanente estado de refuxiados ou migración buscando tan só vivir con dignidade, a situación laboral precaria de tantos que xera angustia nas familias ou a da escasa vivenda que condena a situacións nada dignas, a soedade dos nosos maiores ou o desconcerto dos máis novos que non atopan un norte ben definido polo que camiñar, a polarización que trae enfrontamentos e tensións, incluso no mesmo seo da Igrexa… Esta é a mar na que nos toca faenar, na que vivimos e loitamos. E aí, non estamos sós, Aquel que vive para sempre, Xesucristo, é a nosa luz e esperanza; e moitos irmáns/ás van no noso camiño: san Telmo vai connosco, abrindo os nosos ollos a unha lectura de fe e evanxélica da vida.

Nas lecturas que proclamamos vemos os traballos que a Igrexa primitiva viviu na súa misión de evanxelizar a todos, misión concretada no texto de Mateo: curar enfermos, resucitar mortos, botar demos fora e todo cun estilo ben concreto: de balde, porque de balde foi recibido. O Señor recórdanos que non é preciso preocuparse de nada, a nosa forza está na mesma Palabra anunciada que toca os corazóns e na testemuña, alegría e celo daqueles que a anuncian.

Cando pensamos nisto, e miramos ao noso patrón, Pedro Glez Telmo, vemos cómo desde a sinxeleza, a pobreza pero cun celo evanxelizador inquebrantable foi facendo realidade o Reino de Deus alí onde predicou. A súa palabra, a súa cercanía e paixón, os seus xestos falaban de novidade evanxélica, de compromiso concreto coa realidade, de Reino feito terra. Todo nel, fálanos de evanxeo feito carne.

Recordábanos hai uns días o papa León nunha catequese sobre o Concilio Vaticano II, que a vocación dun seguidor de Xesús é a de ser santos: a santidade non é un privilexio para uns poucos, senón un don que compromete a todo bautizado a tender á plenitude do amor a Deus e ao próximo. Este don, manifestase na vida cotiá cada vez que o acollemos con alegría e lle correspondemos con compromiso. O mesmo papa, cando se reuniu cos xoves en Tor Vergata, afirmaba: a nosa esperanza é Xesús, aspirade á santidade, non vos conformedes con menos. O encontro con Jesucristo Resucitado é o que cambia a nosa existencia, ilumina os nosos afectos, desexos e pensamentos.

A santidade lévanos a facer extraordinario o ordinario, vivindo sempre con coherencia máxima nas cousas pequenas de cada día. O  papa propón 3 camiños prácticos de santidade para o mundo de hoxe:

  • A santidade da escoita:  atentos á voz de Deus que fala na realidade persoal e no mundo; a á voz do próximo.
  • A santidade da defensa da vida: coidando a dignidade de quen está ao noso carón, sexa migrante, vello só, enfermo,porque a santidade mídese na compaixón activa.
  • A santidade que racha coa cultura do odio: a fe non pode ser nunca para atacar, criticar, aplastar. A santidade amósase sendo ponte, nunca muro.

Isto é o que hoxe celebramos. Empezabamos a celebración coa veneración das reliquias; no medio de nós, está o Corpo santo de Pedro Glez Telmo. Que significado ten para nós, hoxe?

Por unha banda, os santos son como os nosos GPS espirituais: non están aí para admiralos de lonxe, senón para demostrarnos que o evanxeo é posible en toda circunstancia, tamén nas dificultades. Son a proba de que o amor pode vencer ao egoísmo.

Por outra, son os nosos compañeiros na andaina de cada día. Non estamos sós, son os amigos que coa súa testemuña e intercesión nos axudan a non desanimarnos, a saír para adiante e a non perder nunca a esperanza e a alegría.

A santidade, hoxe,  é o antídoto contra a indiferencia, porque supón vivir con corazón esperto e atento.

Implorando este don da santidade no día a día, aos pés do noso patrón, con confianza, dicimos unha vez máis: Misericordia san Telmo, salve Corpo Santo. Amén.

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo